Na mañá deste sábado 2 de maio o conxunto da Dirección Nacional vén de reunirse, de xeito extraordinario, tras as acusacións dirixidas a Galiza Nova e o BNG o pasado 6 de abril e nos días posteriores.

A xuntanza tivo lugar de maneira telemática pola declaración do estado de emerxencia sanitaria e o estado de alarma. A reunión foi a continuación da labor que comezou a Comisión Permanente unha vez o organismo tomou constancia das acusacións. Estas mesmas non aportaban ningún dato ou información contrastábel e continuaban nunha senda de sinalización sen ter falado previamente con Galiza Nova para pedir algún tipo de información ou explicación. 

Após a nosa solicitude de manter reunións co conxunto de organizacións coas que estabamos a partillar e partillamos espazos de traballo e loita, estes encontros mantivéronse de maneira telemática con todos os axentes que responderon de maneira afirmativa á nosa chamada. Toda esta información trasladouse nun Informe detallado á Dirección Nacional, máximo órgano de decisión no período interasemblear, co fin de ter unha liña de actuación que esclareza tales acusacións. Tras un longo e profundo debate, a Dirección política da organización xuvenil aprobou por unanimidade:

  • Continuar coa investigación, aberta pola Comisión Permanente, mantendo todas as canles de comunicación abertas e reiterando a procura de información e reunións co resto de organizacións xuvenís que non responderon a nosa solicitude. 
  • Comunicación ao conxunto da militancia do proceso aberto a través dun informe relatando toda a información obtida até o momento.
  • Unha vez rematada a investigación, realizar un comunicado público coas resolucións da mesma.
  • Iniciar os procesos necesarios para a conformación da Comisión de Garantías, proceso que rematará na próxima xuntanza da Dirección Nacional ordinaria, despois de xuntar e votar ás propostas emanadas polas asembleas comarcais de Galiza Nova.

Leave a Reply

Your email address will not be published.