Resolucións da XIII ASEMBLEA NACIONAL DE GALIZA NOVA

an5

A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova, que se celebrou o pasado 23 de novembro en Santiago de Compostela, aprobou as seguintes resolucións de apoio ás loitas populares na Galiza e á causa emancipadora dos pobos oprimidos, a quen quixemos, unha vez máis, expresar todo o apoio da mocidade nacionalista desde o noso organismo de decisión máximo, a Asemblea Nacional. 

Estas resolucións reflicten o noso rexeitamento ás políticas opresoras españolas, ao imperialismo e ao propio sistema que nos domina, e que debemos combater con todas as nosas forzas. Así mesmo, tamén aproveitamos para enviar o noso apoio e expresar toda a nosa solidariedade internacionalista e de loita xuvenil ás compañeiras e compañeiros desta batalla en prol dun mundo de pobos libres e en pé de igualdade, e dun sistema xusto e solidario.

A continuación, dámosvos conta delas para que as teñades á vosa disposición.

 Avante toda, compañeiras!

 

– Galiza Nova denuncia as políticas liquidacionistas do goberno español e da Xunta, que levan a nosa nación cara ao suicidio poboacional. Nin nos deixan traballar nin vivir aquí. Non descansaremos de loitar até que todas as mozas e mozos que se viron na orbiga de emigrar poidan voltar á Terra!

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova condena a acción imperialista, opresora e militarista que exerce o estado de Israel sobre o pobo palestiniano, coa complicidade dos Estados Unidos e da comunidade internacional. Expresamos o noso apoio á campaña de BDS Galiza polo boicot, deseinvestimentos e sancións ao estado terrorista de Israel. Así mesmo expresamos toda a noa solidaeriedade co pobo palestino e o noso apoio na loita pola constitución dun estado Palestino único e libre. PALESTINA VENCERÁ!

– Galiza Nova apoia o proceso soberanista do pobo catalán e a súa loita polo dereito a decidir e exercer o dereito democrático da autodeterminación. Así mesmo, denunciamos a vaga represiva do estado español e as ameazas contra as institucións eo pobo catalán pola realización da consulta do pasado 9N.

– A XIII Asemblea Nacional recoñece novamente o exemplo heroico do pobo kurdo, e desexa a vitoria para as kurdos e kurdos na cidade de Kobane, na que resisten, combaten e plantan cara ás tropas de ocupación alentadas nun comezo polos Estado Unidos de América. VIVA O KURDISTAM!

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova posiciónase a favor da defensa dos dereitos laborais e sindicais do pobo galego. Estamos en contra da represión que exerce o estado español e a patronal sobre a clase traballadora galega. Polo tanto, continuaremos loitando xunto á nosa central sindical de referencia: a CIG na conquista dos dereitos sociolaborais e unha Galiza ceibe de explotación. Así mesmo, esiximos o indulto inmediato para os sindicalistas Carlos e Serafín, así como expresamos a nosa solidariedade con todas aquelas persoas que sofren día a día a conculcación dos dereitos e a represión no seu posto laboral.

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova rexeita a reforma da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida xa como a Lei Mordaza, que pretende a implantación dun Estado Policial e reprimir con dureza a contestación social, especialmente a mobilización da mocidade e do estudantado na Galiza. Apoiamos as mobilizacións da ASOGA e seguiremos a denunciar as sancións económicas e administrativas e privatorias de liberdade impostas para amedrentarnos.

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova considera que a loita contra o terrorismo machista non pode quedar reducida a un día (25N), nin a un mes (novembro), nin tan sequera a un só ano, porque é unha loita que se ten que levar a diario para facela evidente e para mostrar que, practicamente, todas as mulleres estamos sometidas dunha maneira ou doutra a ela. Consideramos que o terrorismo machista son todos os comportamentos e accións que coaccionan, limitan, restrinxen as liberdades das mulleres e tamén a súa propia dignidade. O terrorismo machista non é unha cuestión privada, é unha cuestión pública e política. Está nas nosas mans erradicalo e desterrar o sistema heteropatriarcal. ADIANTE A LOITA FEMINISTA!

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova expresa a súa solidariedades coas persoas denunciadas por protestaren ante unha manifestación de Galicia Bilingüe, e por defender o dereito do pobo galego a se expresar na lingua propia.

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova mostra o seu apoio a todos medios de comunicación que empregan e difunden a lingua galega, en momentos nos que os medios de comunicación serven para colonizar e moldear mentes ao servizo do sistema. Cómpre reforzarmos aqueles medios alternativos e na nosa lingua como é o caso do semanario e dixital Sermos Galiza e IrmandadeTV, a quen desexamos o mellor dos éxitos na nova andaina que están a comezar.

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova perante a actual situación de corrupción xeralizada e dentro da podremia do marco constitucional español contra o cal nos posicionamos, defende a quebra do modelo e a superación do marco constitucional español por medio do avance do proceso de autodeterminación e da constitución da República da Galiza, conformando unha sociedade libre, xusta, solidaria e equitativa.

– Galiza Nova denuncia o espolio colonial dos nosos recursos e a destrución do medio, e apoia a defensa do territorio (os montes en man común, os espazos naturais, coma o Monte Pindo ou a Cova de Eirós, o saneamento das nosas rías esixindo desaparición de ENCE da ría de Pontevedra, así coma retirada do proxecto da megaminaría contaminante de Corcoesto); para preservar os recursos naturais do noso país.

– A XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova defende a loita do sector das artes de pesca menores caso do xeito, o cerco ou o marisqueo na súa loita por poderen desenvolver a súa actividade económica que lles vén negada polas políticas da UE e o estado español.

– Galiza Nova denuncia a responsabilidade directa do goberno da Xunta de Galiza na diminución do número de galegofalantes debido ás políticas galegófobas que perseguen a nosa lingua nas aulas, xulgados, administración… Na defensa do galego non daremos un paso atrás até que a nos alingua sexa plenamente normalizada.