Resolucións Dirección Nacional 16-3-19

Imaxe da Dirección Nacional de Galiza Nova que tivo lugar na súa Sede Nacional o 16 de Marzo.

Publicamos as resolucións da xuntanza da Dirección Nacional de Galiza Nova celebrada este sábado 16 de marzo. O contexto político e electoral foron as temáticas principais da xuntanza.

O CONTEXTO POLÍTICO E A RESPOSTA DA MOCIDADE NACIONALISTA

Durante esta xuntanza realizamos unha análise do contexto político internacional e estatal e como este afecta a Galiza. Reafirmamos o noso apoio ao goberno da República Bolivariana de Venezuela fronte ao intento de colpe de estado por parte de Juan Guaidó e máis o apoio dos Estados Unidos e os gobernos máis reaccionarios de América Latina na actualidade.

Ao mesmo tempo constatamos como se consolidou a viraxe á dereita do conxunto do espectro político español, ao tempo que o PSOE se reviste dun discurso diferente dende a convocatoria de eleccións, logo de que Galiza estivese desaparecida no debate orzamentario no estado. Nese sentido valorouse moi positivamente a campaña realizada para debater e explicar o avance das posicións ultradereitistas e ultraespañolistas a nivel estatal e nacional dende o pasado mes de decembro, con actos que contaron cunha moi boa acollida.

Ademais tamén se valorou positivamente o traballo realizado pola Confederación Intersindical Galega e a plataforma Galegas8M á hora de convocar un novo 8M histórico na Galiza, onde proporcionalmente as mobilizacións foron moito maiores que noutras partes do estado.

PROCESOS ELECTORAIS

Na Dirección Nacional de Galiza Nova afrontamos a convocatoria de eleccións xerais coma unha oportunidade para que as cuestións que nos afectan ás mozas galegas volvan estar enriba da mesa no debate estatal. Dentro do deseño actual do estado español existen unha grande cantidade de cousas que nos afectan directamente e que se están a decidir fóra da Galiza, tales coma as reformas laborais, a LOMCE, a prórroga de ENCE, a Lei Mordaza, a devolución do Pazo de Meirás… Dado que independentemente do goberno que haxa (ben sexa da esquerda ou da dereita españolas) non se resolven é fundamental que o nacionalismo galego estea presente no congreso dos deputados, para o que debemos pular por que o Bloque Nacionalista Galego acade os mellores resultados posíbeis nestas eleccións xerais e mesmo tamén nas europeas polos mesmos motivos.

Ademais tamén reafirmamos o noso apoio ao BNG cara as eleccións municipais do 26 de Maio, pois xa se ten demostrado que os concellos nos que goberna o BNG son nos que a mocidade conta con máis servizos. Ademais partillamos como obxectivo estratéxico aumentar o poder institucional do Bloque Nacionalista Galego para que sirva como altofalante do discurso nacionalista para facer avanzar a conciencia nacional entre o noso pobo.

OUTRAS CUESTIÓNS TRATADAS NA XUNTANZA

Ademais avaliamos o estado financeiro da organización, aprobando o orzamento deste ano 2019, comezouse a traballar na previsión das actividades polo Día da Patria, así como na redacción do número 45 do Mocidade. Por outra banda analizouse a realización e transcurso das XX Xornadas de Historia de Galiza ademais da situación do ensino.

Leave a Reply

Your email address will not be published.