Resolucións Dirección Nacional

A Dirección Nacional de Galiza Nova reuniuse de xeito telemático o pasado sábado, 30 de maio. Nesta xuntanza, avaliamos a situación política derivada da pandemia da COVID-19 e analizamos a posíbel situación da apertura de fronteiras e a nova convocatoria electoral marcada para o 12X.

Por unha banda, vemos con preocupación como a crise sanitaria pode ser empregada para xustificar un novo recorte nos dereitos e liberdades da clase traballadora, e nas nacións sen Estado. O goberno progresista está realizando unha recentralización vía decreto. Exemplo destes movementos centralistas e vemos o que acontece no ensino ou mesmo co anuncio do peche de Alcoa.

Nesta xuntanza tamén foron aprobadas as dúas vindeiras campañas que levará a cabo Galiza Nova a nivel nacional: a campaña do Orgullo e o posicionamento de Galiza Nova perante as eleccións Galegas 2020.

A campaña do Orgullo LGBT arrincará o vindeiro 8 de xuño, Día Galego da Visibilidade Lésbica, e rematará o propio Día do Orgullo LGBT, 28 de xuño . Nesta campaña, achegaremos o discurso da diversidade de xénero e orientación sexual á mocidade á que se lle engadirán cuestións transversais como o feminismo, a cuestión nacional e de clase. 

No referente á campaña das eleccións galegas, desde Galiza Nova encaramos esta nova convocatoria como unha oportunidade para poñerlle fin ó goberno do PPdG. A organización xuvenil acordou potenciar a importancia dun BNG forte na vindeira conformación da sede parlamentaria. Cremos fondamente que fai falla un cambio de vital importancia para a mocidade galega e as súas aspiracións. Sabemos que temos un futuro que conquistar e unha campaña electoral centrada en reforzar ao BNG para conseguir a Xunta de Galiza.

A nivel organizativo, demos conta da constitución de dúas novas comarcas e o aumento de militancia así como analizamos a necesidade de reactivar o traballo a pé de rúa en canto se poida. Ademais, a Dirección Nacional acordou continuar nos avances da investigación aberta polas acusacións xurdidas no seo de Erguer. Estudantes da Galiza.