Revírate contra a violencia machista!

25nCon motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, Galiza Nova volve saír á rúa para denunciar todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e condenar a actitude do PP que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos até hoxe. Visten de austeridade os retrocesos nos dereitos conquistados polos movementos feministas!

O PP e os medios de comunicación que están ao seu dispor agochan o terrorismo machista. 44 mulleres foron asasinadas no Estado Español no que vai de ano, e milleiros de mulleres padecen día a día violencia física, sexual ou psicolóxica. Moitas delas son mozas novas que sofren as agresións dos rapaces a través do control do seu corpo, a través do móbil, das redes sociais, obxectualizadas e estigmatizadas, vítimas de chantaxe, ameazas, insultos, ou o sexo como “proba de amor” como normais nas relacións de parella.

A violencia machista é produto da desigualdade entre homes e mulleres ao longo da historia e corresponde ás institucións públicas galegas e estatais pór en marcha as políticas e recursos necesarios para acadar unha igualdade real e efectiva.

Se no 2012 tiñamos que denunciar as políticas do PP coas que pretendían que volveramos a desempeñar maioritariamente o rol de nai e coidadoras e, polo tanto volveramos ao ámbito doméstico, neste 2013 temos que seguir a rebelarnos contra as políticas de dereitas e da Igrexa que están a atacar o dereito ao aborto libre e gratuíto, impulsando unha reforma que supón un retroceso enorme na lexislación.

Contra a precariedade e desigualdade laboral das mulleres, a educación sexista, os ataques ás liberdades e dereitos sexuais e reprodutivos é necesario erguerse e loitar. Defendamos os dereitos que tanto tempo custou conquistar!

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, as mozas do BNG, non admitiremos recortes nin retrocesos na loita contra a violencia de xénero porque é neste contexto de crise económica onde moitas mulleres padecen situacións dramáticas ao perder os seus postos de traballo e pasar a depender economicamente dos homes.

As mozas de Galiza Nova facemos un chamamento para que non nos paren!

Horas e lugares dos actos convocados para este 25 de novembro:

-A Coruña: ás 20h no adro da Igrexa de San Nicolás.

-Compostela: 20.30h na Praza do Toral.

-Lugo: ás 20.30h na Praza de Santo Domingo.

-Ferrol: ás 20h na Praza do Concello.

-Ourense: ás 20.30 na Praza de Santa Eufemia.

-Pontevedra: ás 18.30h na Praza 8 de Marzo.

-Vigo: ás 20h manifestación desde a Farola de Urzáiz.

-Cangas: ás 20h diante do Concello.

-Cee: ás 20h na Praza 8 de marzo.