“A Revolución Bolivariana, esperanza para os pobos” artigo de Navia Rivas

Navia Rivas é responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova

A diario os medios de comunicación social bombardéannos con noticias sobre a última hora na “caótica” Venezuela, cun ton alporizado e relatando o suposto “terror” que está a vivir o país e a mágoa que nos debe dar o que está a sucederlle ó seu pobo.

Non temos a mesma compaixón e pena cando a oligarquía interna mais preocupada co interese dos EUA ataca a constitucionalidade e a paz social alimentando a violencia e conspirando contra a economía do propio país. Aquí os medios sistémicos non se preocuparon por denunciar a situación ou defender a democracia contra estes ataques. E dende logo non se debatía a situación en Venezuela cando o goberno bolivariano escolarizaba as crianzas ou promovía a sanidade pública e a cultura como nunca antes se fixera. Parece que a unha parte da sociedade non lle parece ben que a antiga oligarquía venezolana non poida tomar de novo o poder político, e volver a aquel pasado onde a burguesía expandía o seu poder económico á costa da máxima explotación sen que a clase traballadora tivese acceso a dereitos sociais.

Mais o certo é que o conflito e a tensión existen. A oposición nunca aceptou a perda do poder e sempre fixo todo para derrubar o chavismo, fose por vía as legais ou ilegais. O modelo político bolivariano foi posto a proba en múltiples ocasións con diferentes referendos e procesos electorais recoñecidos internacionalmente desde que Hugo Chávez foi electo por primeira vez en 1998. Aínda así, a dereita venezolana recorreu a un golpe de Estado en 2002 secuestrando o entón presidente do país co apoio de Washington e Madrid, golpe derrotado pola mobilización do pobo e a maioría do sector militar. A situación non mudou moito. Ó mesmo tempo que esixe eleccións anticipadas, a oposición recorre a todo tipo de métodos de violencia, a mesma que noutros lugares do mundo chamarían terrorismo. As sucesivas campañas de presións e acoso na rúa son benvidas polos principais grupos mediáticos internacionais que fan o seu traballo humanizando a violencia, que inclúe o asasinato selectivo de dirixentes chavistas a cargo de mercenarios, moitos deles paramilitares colombianos.

O contexto en Venezuela é, certamente, complexo e ten raíces no modelo rentista adoptado no país hai décadas, e que os gobernos chavistas intentaron desmantelar, non sempre con éxito. A dependencia da exportación de petróleo e a caída do prezo do cru no mercado internacional fixo que Venezuela caese nunca crise profunda.  Instrumentalmente, os grupos económicos e financeiros trataron de copiar o modelo de desestabilización que fora usado contra Allende, promovendo a especulación, o acaparamento e o desabastecemento a través do contrabando con Colombia.

Co apoio das principais redes internacionais de comunicación, a oposición pretende agochar que nunha década e media de chavismo Venezuela erradicou o analfabetismo, reduciu á metade a pobreza extrema e converteuse nun dos países do mundo con máis acceso á universidade. Entregáronse máis dun millón de casas á poboación e creáronse mecanismos de acceso a produtos a baixo custo, desde alimentos a electrodomésticos.

E isto tráenos á situación actual. Desde o 1 de abril véñense sucedendo unha serie de manifestacións e accións en contra do goberno de Maduro, que xa contan máis de corenta mortes. A situación chegou ó extremo no que un home foi golpeado por un grupo de persoas en Caracas por ser confundido cun funcionario do goberno de Nicolás Maduro tras unha protesta contra o mesmo. Máis recentemente, na liña do acoso público contra funcionarios e ex-funcionarios do goberno chavista, foi confirmado polo goberno venezolano que grupos violentos opositores queimaron un mozo de 21 anos durante unha manifestación en Caracas, ó mesmo tempo que máis de media centena de autobuses foron incendiados como forma de protesta contra o goberno.

Ante esta situación, o presidente Maduro convocou a Asemblea Nacional Constituínte, considerándoa a única saída pacífica, democrática e participativa á situación de tensión económica, social e política que vive nos últimos tempos o pobo venezolano.  Esta proposta pretende ser unha solución superior ó inexistente diálogo entre os partidos políticos. Os opositores reaccionaron en contra da proposta, a pesar de que hai anos eles mesmos esixían este mesmo recurso constitucional. Maduro declarou que con este recurso pretende “vencer o golpe de Estado” así como “perfeccionar o sistema económico, social e político” do país. O goberno venezolano recalca que a Constituínte é un órgano que ten como obxectivos a paz, a estabilidade política, a consolidación dos programas sociais e a promoción do debate político.

Asistimos a algo que non é nada menos que unha ofensiva contra o goberno democraticamente electo de Venezuela. Dita ofensiva procede de múltiples gobernos occidentais que operan en base ós intereses do imperialismo norteamericano e da oligarquía occidental, e vén acompañada dunha campaña de “desinformación” que pretende crear sensación de inestabilidade e desgoberno no que se refire a Venezuela e que oculta, entre outras cousas, que a oposición foi a que iniciou esta espiral de violencia e que desde o primeiro momento foi Maduro quen deu pasos para intentar calmar a situación. 

Os medios insisten en mostrarnos de xeito intensivo esa Venezuela caótica, ditatorial e corrupta, mentres venden a imaxe de que a situación nos outros estados do continente americano é completamente diferente, ocultando a grande conflitividade que hai na actualidade en lugares como México ou no proceso de paz de Colombia, por citar dous exemplos, onde os asasinatos de activistas e xornalistas están á orde do día.

Ningún proceso revolucionario está exento de ter contradicións, e a revolución bolivariana pódenos gustar máis ou menos, podemos verlle algúns problemas internos, pero non esquezamos nin dubidemos de que ás oligarquías non lles treme o pulso á hora de provocar guerras e impor ditaduras nos países que non se someten a eles, impondo o imperialismo máis atroz. Tampouco lles treme para botar man dos conflitos doutros pobos para encubrir ou rebaixar a tensión social, como sucede no Estado español.

Ante isto, a solidariedade co pobo venezolano na súa loita antiimperialista contra o grande capital é unha obriga se entendemos que a aposta polo antiimperialismo e o internacionalismo vale a pena. O noso deber é continuar a desenmascarar esta operación golpista, así como esta campaña de desinformación que sufrimos, e reafirmar o dereito do pobo venezolano a decidir soberanamente o seu destino. Por iso é agora máis necesario ca nunca reafirmar a nosa solidariedade coa revolución bolivariana e o pobo venezolano ante estes actos que atacan a soberanía do pobo venezolano e a independencia da República Bolivariana de Venezuela.