Bárbara Lamas

Conversamos con Bárbara Lamas, nº 5 da lista do BNG-Asembleas Abertas no Concello de Ferrol

“Son nacionalista e creo que Galiza ten capacidade para valerse por si mesma, non coma os demais partidos estatais sometidos ás directrices de Madrid, inclusive os de nova creación.”

Bárbara Lamas estuda Belas Artes na Facultade de Pontevedra. Esta moza, nada en Narón no ano 1993, é militante de Galiza Nova na comarca de Ferrolterra. Forma parte da lista do BNG-Asembleas Abertas que, encabezada por Iván Rivas, está disposta a dar a batalla pola alcaldía de Ferrol. Conversamos con ela sobre a situación da mocidade no concello, os retos do nacionalismo e a alternativa que defende.

 

Ferrol sitúase como unha das localidades cunha taxa de desemprego maior alcanzando cifras do máis do 30%. Cal é sentir da mocidade perante datos como ese?

Ferrol é unha cidade cun potencial grandísimo, pero que resultado das intervencións das políticas estatais e do goberno do PP da Xunta de Galiza, cómplices do goberno municipal, atópase desolado e abandonado.
Os carteis de “pechado” e “alúgase” inundan as rúas, os pequenos comercios de toda a vida son xa inexistentes e as áreas comerciais afógannos.
Con este panorama, a mocidade atópase sen apenas motivacións. Queren condenarnos a que marchemos da nosa terra, por iso é necesario un cambio, asumir as nosas riquezas e levar a cabo un proxecto de futuro para a nosa comarca.

A emigración considérase unha das poucas saídas?

Non é que sexa ou non unha saída, senón que é o que queren facernos crer.
Ferrol conta con moitísimas posibilidades, pero por desgraza tamén, como dicía antes, cun goberno municipal que lle dá cancha ás políticas estatais e ao goberno do PP da Xunta de Galiza, que están a ocultar a realidade respecto das nosas capacidades. Un goberno municipal que non fai máis que basearse en propostas propagandísticas deixando os verdadeiros problemas da comarca sen solución, intentando deixar sen ningún futuro á mocidade.
Por iso Ferrol precisa dun goberno municipal nacionalista, capaz de cambiar esas relacións coas políticas estatais, capaz de xerar un modelo que si aproveite as nosas riquezas e posibilidades, e que se preocupe polos intereses das veciñas e veciños.

Que oportunidades podería ofrecer a cidade á mocidade en termos de emprego?

A nosa referencia produtiva e laboral ten que basearse no sector naval, xa que é o noso sector forte. O Estado español renunciou á construción naval escudándose en que non se trata dun sector estratéxico para o Estado, algo que para nós é unha estrutura fundamental para o desenvolvemento da nosa economía.
Como ferroláns non podemos renunciar ao naval, xa que é o sector capaz de acadar unha diversificación industrial e económica, ademais de que contamos co necesario para poder levalo a cabo.
Por outro lado, contamos con outra riqueza como é a nosa ría, a última ría en sanearse. Por certo, unha obra pública que están tendo que pagar os veciños.
Tamén cómpre destacar o agro e o forestal, onde se eliminou toda riqueza autóctona coa implantación do eucalipto.
Todo isto provoca que os ferroláns non teñamos alternativa á industria arredor destas actividades. Estas son todas as oportunidades que temos e que nos están a negar.

Por que decidiches facer parte da candidatura do BNG?

Son nacionalista e creo que Galiza ten capacidade para valerse por si mesma, non coma os demais partidos estatais sometidos ás directrices de Madrid, inclusive os de nova creación. Se nós creemos en nós mesmas como galegas e galegos, seremos quen de saír adiante. Un exemplo que teño disto é Pontevedra, que fai uns anos atopábase nunha situación similar á de Ferrol, e con moito traballo e constancia dende o BNG, converteuse nunha cidade para a xente e en crecemento

Leave a Reply

Your email address will not be published.