SE É MACHISTA NON É XUSTIZA

Hoxe, sábado 9 de setembro ás 19h, saímos á rúa máis unha vez contra a violencia patriarcal e en solidariedade con Juana Rivas.

Baixo o lema “Un maltratador nunca é un bo pai. Se é machista non é xustiza”, o feminismo organizado mostra o apoio a mulleres e crianzas en situacións de risco e denuncia a todo o sistema que ampara dita indefensión. 
A insubmisión de Juana pon sobre a mesa a insuficiencia e pasividade do aparato do Estado, ao mesmo tempo que é reflexo da violencia institucional que se presenta baixo a carauta da imparcialidade xudicial.
Estando baixo a frecuente culpabilización das vítimas de violencia de xénero, e sumado á concepción machista das relacións persoais, non é estraño que se acepte a premisa de que nada ten que ver o maltato a unha muller co maltrato ás crianzas. Mais o certo é que son numerosos os casos onde os fillos e fillas das mulleres maltratadas son vítimas diretas desa violencia, así como son empregados para facerlle dano a ditas mulleres. Son moitas as ocasións nas que asistimos a sentenzas xudiciais que outorgan a custodia a pais condenados por violencia machista e a un repunte de grupos neomachistas que buscan a imposición da custodia compartida aínda cando unha crianza sinte medo do pai, con argumentos tan anticientíficos como o Síndrome de Alienación Parental (SAP).
Máis ca nunca é necesario seguir saínda á rúa para denunciar todo tipo de violencia machista e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamente de todos os servizos contra a violencia machista. 
Esiximos os recursos, as políticas e as leis precisas para unha protección e prevención reais. Para iso chamamos a toda a sociedade a sumarse ás mobilizacións das distintas vilas e cidades galegas.
Querémonos vivas, insubmisas e rebeldes!