SE NON CONTAN CON NÓS, QUE PRODUZAN SEN NÓS

Logo dunha multitudinaria e histórica mobilización o pasado domingo 4 de marzo en Vigo, baixo o lema “Para transformar a vida das mulleres. Folga de coidados, laboral e de consumo”, viuse reflectida a diversidade e forza do feminismo galego a través de galegas8M. Foi unha xornada para coller pulo cara a greve de mulleres do 8 de marzo, a cal tamén se prevé que fique na memoria dos movementos sociais galegos.

Após anos sen unha greve xeral, malia todos os retrocesos e políticas neoliberais en materia de dereitos, o feminismo organizado toma a iniciativa de camiñar cara mobilizacións en moitas partes do país, empregando unha ferramenta obreira 

como é a greve e baixo un paradigma anticapitalista. Tómanse como exemplo ás irmás de América do Sul, analizando as características e opresións concretas da Galiza rural e urbana e sendo conscientes do contexto actual. Ponse no centro das reivindicacións a vida de todas nós e a calidade desta como a última fronteira da que o capital se apropia. Mais é importante resaltar que a crítica das feministas galegas vai máis aló de cuestionar as violencias estruturais ás que nos vemos sometidas, senón que chama a mudar o propio sistema e construír alternativas desde unha “nova” óptica. Sen dúbida, os pasos que se deron nos últimos meses non serán inútiles e posibelmente construirán camiño para anos vindeiros, sabendo que a arriscada decisión de tecer esta rede feminista en termos non empregados antes, servirán para garantir un futuro mellor.

Este 8 de marzo todas as mulleres e mozas, traballadoras asalariadas, desempregadas, estudantes, xubiladas, coidadoras etc. estamos convocadas a facer greve estudantil, de consumo, de coidados e laboral, así como a acudir masivamente ás manifestacións e concentracións convocadas polo tecido feminista e o sindicalismo obreiro galego.

Desde a diversidade e a aprendizaxe colectiva, os movementos feministas organizan e convocan paros en moitos lugares do mundo para esta data denunciando as múltiples violencias sistémicas ás que están sometidas as mulleres. Na Galiza os motivos para sumarse aos paros de mobilizacións están claros: feminicidios e agresións, brutal feminización da pobreza (contratos a tempo parcial, fenda laboral do 22’3%, dupla e tripla xornada laboral, desemprego de longa duración, empregos precarios), sistema educativo que socializa desde a infancia as estruturas patriarcais, falta de soberanía nos nosos propios corpos e o xugo dun sistema capitalista que relega as vidas e as persoas a unha mercadoría máis.

Outro eixo vital na reflexión arredor do día da muller traballadora é o dos coidados. O capitalismo e o patriarcado 

asignáronlle ás mulleres a realización de xeito gratuíto das tarefas máis importantes para que a cadea produtiva poida funcionar, os coidados. Deste xeito, os estados e gobernos, grazas a unha estrutura social dentro da cal se atopa a familia nuclear e o binomio público-privado, aforran gastar nesas tarefas ás que as mulleres adican de media o 18’91% do seu tempo e forza de traballo. Crianzas e persoas maiores ou dependentes a cargo, limpeza, saúde, alimentación, xestión, acompañamento, organización e previsión. Toda unha serie de actividades que, de deixar de realizarse, farían parar o mundo sen dúbida, mais que pola complexidade do que implican e polo que se aproximan ao apego e sentimentos, son tamén as máis difíciles de relegar ou parar.

É precisa unha mudanza radical do mundo e dun sistema de consumo cunha lóxica de mercado incompatíbel coa vida, mais para iso debe de existir un compromiso firme e colocar no centro da axenda política todas estas cuestións. Este 8 de marzo será unha data chave cara a construción dunha sociedade xusta e inclusiva onde termos soberanía total.

Por todo isto, desde Galiza Nova facemos un chamamento  a participar masivamente de todas as convocatorias locais do 8 de marzo, que podes consultar máis abaixo.

Se non contan con nós, que produzan sen nós! As mozas galegas cara a folga do 8M!

 

CONSULTA AS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLO  FEMINISMO GALEGO

Leave a Reply

Your email address will not be published.