“Se nos rouban a sanidade, recórtannos a vida” Artigo de Iria Carreira

Iria Carreira é médica e integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova

Estamos asistindo nos últimos tempos a unha noticia case constante nas páxinas de calquera xornal: as urxencias dos hospitais están colapsadas. No punto álxido da epidemia anual da gripe, o número de asistencias ao hospitais incrementouse creando unha saturación do servizo que xera horas de espera para recibir atención sanitaria mentres as pacientes se acumulan nos corredores. Ante esta situación dantesca, tanto o presidente da Xunta coma o conselleiro de Sanidade non dubidaron en dar explicacións e poñer o foco na raíz do problema: as pacientes non saben xestionar as súas patoloxías e acoden a urxencias cando non deberían.

Non hai artimaña máis covarde que botar a culpa ao punto máis débil da cadea. Ninguén vai a un hospital por pasar o tempo simplemente. Quizais sexa pola incapacidade que xera a propia patoloxía, pero quizais sexa simplemente polo medo a termos algo malo, ou por intentar adiantar esa cita que se nos deu para 9 meses máis tarde. Culpar aos doentes é un acto rastreiro, cando é o propio goberno da Xunta quen propicia esta situación. Contamos con recursos insuficientes para atender á poboación, que ademais cada vez está máis avellentada e precisa maior atención. Pechan camas e plantas de hospitalización cando consideran que a demanda debería ser menor, sen prestar atención máis alá dos seus balances. Xestionan os subministros coma naquelas épocas pasadas dos cartóns de racionamento, impoñendo en moitas ocasións produtos dunha calidade pésima, sen ter en conta a repercusión que poidan ter sobre as pacientes. Externalizan servizos como a limpeza ou a cociña, coma se non fose importante unha boa alimentación e valese con racións miserentas a medio desconxelar. Favorecen a expansión da sanidade privada, ben outorgándolle cirurxías menores ou ben permitíndolle asentarse dentro dos hospitais públicos. Precarizan as condicións laborais de todo o persoal, impoñendo cupos de pacientes excesivos e con contratos indignos. Mais a culpa, sen dúbida, é das pacientes.

É a nosa responsabilidade que todo isto mude. Precisamos que esta xente estea fóra do goberno e que a xestión da nosa sanidade se volva a facer poñendo o foco no importante: a nosa vida, e non o capital. Lembra aquela vez que estabas enferma, mais non tiñas cita na túa médica de cabeceira ata catro días despois, ou che deron a cita para a especialista para un ano máis tarde. Ou cando che dixeron que “iso non o cubre o seguro”. Ou todas as compañeiras médicas, enfermeiras, auxiliares, que están a traballar con contratos dun día de duración, sen ningunha estabilidade. A nosa vida non é un terreo de xogo para o capital. O domingo 4 ateigaremos as rúas de Compostela para demandar o noso dereito a unha sanidade pública de calidade, universal e gratuíta.

Leave a Reply

Your email address will not be published.