Sempre coas persoas trans, nin un paso atrás!

Cada 20 de novembro celébrase a nivel internacional o Día da Memoria Trans, unha data na que recordamos ás persoas trans ás que lles foi arrebatada a súa vida por seren quen son, por querer vivir unha vida plena e digna. Ano tras ano as nosas compañeiras trans seguen a ser obxectivo de crimes de odio. Mulleres que seguen a ser vítimas de feminicidios, como o foi Susana Criado este ano. Persoas trans de xéneros diversos seguen a ser acosadas, insultadas e discriminadas, soportando trabas constantes para acceder ao mercado laboral e conseguir unha vivenda digna, sen poder desenvolver un proxecto de vida autónomo. Teñen unha falta de alternativas de futuro que, aínda que cada vez é máis compartida polo conxunto da clase obreira, na particular situación de absoluta vulnerabilidade na que se atopan, menoscaba profundamente a súa saúde mental ata chegar nalgúns casos ao suicidio. 

Se ben esta situación leva existindo décadas, nos últimos anos presenciamos un auxe de movementos reaccionarios que se opoñen á aprobación de medidas lexislativas que poidan mudar a realidade das persoas trans. É indubidable que a aceptación do colectivo entre a sociedade non deixou de medrar nas últimas décadas, acadándose cada vez maiores cotas de representación nos medios e máis visibilidade para as activistas que loitan por levar á palestra política as reivindicacións do colectivo. Neste marco é posible imaxinar un futuro no que as persoas trans vivan en pé de igualdade co resto da sociedade, recoñecidas como encarnacións da diversidade humana ao mesmo nivel que as persoas cisxénero, e non como un “engadido” ao que tolerar ou aceptar.

Para acadar este futuro é necesario mudar o marco legal, superando a Lei 3/2007 de cambio de sexo e nome rexistral que obriga a declarar ás persoas trans como enfermas, a que atravesen unha esterilización forzosa e unha monitorización psicolóxica por parte do sistema, e a esperar tempos burocráticos que se alongan durante anos dificultando aínda máis a integración na sociedade. É precisa unha lei trans galega, como a que foi elaborada polos movementos LGBT e feminista e foi tumbada polo Partido Popular no ano 2017, e é precisa tamén unha lei trans estatal. Leis que recollan unha batería de medidas para acabar coa discriminación das persoas trans, que traten desde o eido laboral ao sanitario pasando polo educativo. Leis que permitan a autodeterminación de xénero sen ningún tipo de tutelaxe, porque só os individuos somos quen de coñecer e afirmar cal é o noso xénero.

Contra estes proxectos normativos atopamos tanto á ultradereita, como a unha suposta esquerda que esgrime os mesmos argumentos reaccionarios. Fronte as súas inxurias e desacreditacións constantes imos permanecer firmes, loitando en defensa dos dereitos humanos das persoas trans ata que os conquistemos. 

Porque as persoas trans non son unha teoría, porque #OTransÉReal, nin un paso atrás.

Leave a Reply

Your email address will not be published.