«Sen as mulleres trans non é feminismo» artigo de Iria Carreira

Iria Carreira é Responsábel da Asemblea LGBT de Galiza Nova e Deputada do BNG no Parlamento Galego.

Nos últimos tempos estamos a asistir a unha difusión importante dun discurso abertamente transfóbico, sobre todo nas redes sociais. As feministas radicais trans-excluíntes (TERF, polas súas siglas en inglés) veñen collendo cada vez máis forza, tamén dentro dos círculos do feminismo, onde se apoian nas demandas do colectivo para espallar o seu ideario de odio cara ás persoas trans mediante un discurso alarmista e conspiranoico. Con reducións bioloxicistas absurdas e recorrendo a fontes de dubidosa orixe fundamentan discriminacións e rexeitamentos propios da caterva máis reaccionaria baseándose nunha suposta loita en contra do “borrado das mulleres” que trae reminiscencias a cando se alegaba que o matrimonio homosexual destruiría a institución da familia. De feito, non é infrecuente ver como rostros coñecidos desta liña trans-excluínte se aliñan compartindo argumentario con organizacións da extrema dereita.

A loita feminista debe ir máis alá, ten que ir da man de todas as oprimidas, de todas as habitantes das marxes do sistema. Do mesmo xeito que non recoñecemos a Kamala Harris ou a Margaret Thatcher como iconos feministas polo mero feito de ser mulleres, tampouco recoñecemos un feminismo que nega a identidade das mulleres trans e as violenta.

Todo este ataque acontece ademais nunha sociedade que aínda está lonxe de ter erradicado a LGBTfobia, e a transfobia en particular. O cuestionamento, ou incluso a negación da súa identidade de xénero, é unha das violencias que experimentan persoas trans e non binarias. Isto inserido nun sistema creado por e para persoas cis e que non atende ás diverxencias no xénero, que patoloxiza a súa identidade, cunha medicalización e psiquiatrialización dos seus corpos imposta pola lexislación vixente, que as obriga a pasar por esterilizacións químicas ou cirúrxicas e por un tratamento psicolóxico antes de recoñecer os seus dereitos fundamentais como persoas.

Esta LGBTfobia non deixa de ser unha faciana máis do patriarcado, que nega a diverxencia sexual, mais tamén a de xénero, impoñendo unha única opción válida. As violencias machistas que padecemos día a día xorden dese sistema de opresión que está perfectamente instaurado na nosa sociedade, que nos limita día tras día como mulleres relegándonos a un plano inferior e usurpándonos dereitos polo noso xénero. Patriarcado que ademais se nutre do capitalismo, perpetuando a loita de clases tamén nas marxes do sistema.

A loita feminista debe ir máis alá, ten que ir da man de todas as oprimidas, de todas as habitantes das marxes do sistema. Do mesmo xeito que non recoñecemos a Kamala Harris ou a Margaret Thatcher como iconos feministas polo mero feito de ser mulleres, tampouco recoñecemos un feminismo que nega a identidade das mulleres trans e as violenta. 

As nacionalistas galegas podemos recoñecer esa negación da identidade propia dun xeito máis ou menos sinxelo. A cantas de nós, cando non nos recoñecemos como españolas, nos teñen preguntado o que pon no noso DI? Non nos resulta complexo comprender a reivindicación que desenvolven as compañeiras escocesas ou palestinas, e entendemos que parte da nosa loita é a solidariedade coas demais nacións asoballadas do mundo. E desa mesma solidariedade tamén nace o recoñecemento da loita das persoas trans e non binarias, que veñen soportando a lousa do binarismo do xénero e as identidades cis que tradicionalmente lles puxemos enriba. 

Cómpre que nós, as mulleres cis, recoñezamos a nosa posición e deamos un paso á fronte, do mesmo xeito que cando berramos un “Palestina vencerá!”, na defensa das nosas compañeiras trans e a súa loita. Porque se non están as mulleres trans, non é feminismo, é patriarcado.

Leave a Reply

Your email address will not be published.