“Sete falacias e unha pregunta sobre Venezuela” por Olalla Rodil

Olalla Rodil, deputada do BNG e integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova.

Sete falacias sobre o que acontece en Venezuela e unha pregunta.

1. A Asemblea Nacional Constituínte é inconstitucional e un “autogolpe” de Maduro

Primeira mentira. A Constituínte está prevista na actual Carta Magna venezolana (Capítulo III) e a potestade de convocatoria (artigo 348) corresponde “ao Presidente ou Presidenta da República en Consello de Ministros”, como aconteceu neste caso, “á Asemblea Nacional mediante acordo das dúas terzas partes dos seus integrantes, aos Consellos Municipais en cabildo, mediante voto das dúas terzas partes dos mesmos, ou ao quince por cento dos electores inscritos e as electoras inscritas no rexistro civil e electoral”. Ficando, ademáis, a Presidencia da República suxeita aos acordos que esta adopte (artigo 349) ao non poder “obxectar a nova Constitución”. Así mesmo, continúa o texto, “os poderes constituídos non poderán de forma algunha impedir as decisións da Asemblea Nacional Constituínte”.

A convocatoria da Constituínte foi lanzada polo presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, na procura dunha saída á escalada de violencia que durante semanas viña mantendo a dereita como estratexia de desestabilización política e económica no país mais tamén como ferramenta perante a negativa da oposición a sentar nas mesas de negociación que abriron, entre outras figuras, o Papa Francisco e o expresidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. As forzas opositoras, aglutinadas na MUD, rexeitaron presentarse á Constituínte tildándoa de “inconstitucional”, “antidemocrática” e “autogolpe”.

2. A dereita opositora é pacífica

Desde o inicio das manifestacións convocadas pola dereita venezolana morreron en Venezuela máis de 100 persoas entre elas mozos asasinados polo simple feito de seren indentificados pola oposición como “chavistas” e aos que lles prenderon lume vivos en plena rúa. Tamén candidatos á Constituínte como José Félix Pineda, executado a tiros no seu domicilio.

Os líderes da dereita venezolana, entre eles os dous que permanecen en prisión (Leopoldo López e Antonio Ledezma), mais tamén Henrique Capriles –gobernador do Municipio de Miranda– lanzaron de maneira continuada chamentos á violencia nas semanas previas á Constituínte. Un dos expoñentes das consecuencias desas chamadas á “desobediancia”, a “sacudir Venezuela” e a “non arrefriar a rúa” produciuse o propio día das votacións en Altamira (zona este de Caracas) cando manifestantes da oposición lanzaron un explosivo contra axentes da Garda Nacional Bolivariana. Esa imaxe percorreu as cabeceiras da imprensa mundial apuntando como responsábel o Goberno bolivariano. As imaxes completas difundidas a través das redes sociais amosan que os grandes grupos de comunicación manipularon a información.

Alén diso, o Goberno venezolano tivo que disponibilizar o Poliedro (un pavillón multifuncional) para que a poboación da zona este de Caracas puidese exercer o seu dereito a voto toda vez que a oposición impediu o exercicio do dereito a sufraxio nos colexios electorais e pechou algunhas das rúas de acceso con barricadas.

3. As manifestacións opositoras son masivas e manteñen bloqueado o país

As manifestacións concéntranse na cidade de Caracas, a capital de Venezuela, e concretamente na zona este como Altamira ou Táchira, barrios de clase media-alta onde se concentran os apoios da dereita.

Aínda que meses atrás a oposición conseguiu congregar milleiros de persoas en manifestacións que percorreron as rúas da capital o certo é que a estratexia de desestabilización a través da violencia está a minar a propia MUD e a abrir fendas entre as forzas e persoas que a integran. De facto, a concentración convocada a véspera da Constituínte en Altamira apenas congregou a varias ducias de persoas nun espazo ateigado por máis prensa internacional que manifestantes. Así o recollen nas súas crónicas xornalistas desprazados até o país como Alberto Pradilla ou mesmo testemuños recollidos entre estranxeiros residentes en Venezuela.

4. Venezuela, un país onde non hai alimentos

De novo manipulación informativa. Entre as principais acusacións que argumenta a dereita venezolana para acusar o Goberno bolivariano de ser unha ditadura atópase a idea de que o pobo está “famento” e que o país está desavastecido de alimentos, medicamentos e produtos de necesidade básica para a poboación. Porén, coincidindo coa xornada de folga de 48 horas convocada oposición contra a Constituínte os titulares da imprensa hexemónica eran que a poboación corría ás áreas comerciais para se facer con auga e alimentos. El non é que non había?

Este é un dos argumentos que máis reitera a dereita mais que xa foi demostrado como falso en anteriores ocasións. A máis sonada a publicación nas redes sociais de imaxes tomadas por un empresario basco residente en Caracas nas que demostraba cal é a situación nun supermercado da zona cero da oposición, Altamira.

Esacasean alimentos en Venezuela? Si, aqueles cuxos prezos están regulados polo Goberno para garantir o acceso das clases populares a eles, por exemplo, o leite en pó. As distribuidoras alimentarias, maioritariamente privadas, especulan con estes produtos ademais de producilos en baixas cantidades pois prefiren centrar o seu negocio naqueles cos que obteñen unha maior marxe de beneficio.

Perante esta realidade, acontecida fundamentalmente en 2016, o Goberno venezolano abriu a porta ás importacións en dólares enchéndose de novo os estantes de tendas e supermercados aínda que a prezos abusivos e privativos para a maior parte da poboación, como explica Alberto Pradilla. Un quilo de arroz supoñen 15 mil bolívares nun país no que o salario mínimo son 250 mil.

5. Illamento do país fronte á unánime condena da comunidade internacional

Que o Goberno bolivariano está só ante o mundo é outro dos grandes titulares da imprensa hexemónica como resultado do aliñamento dos EUA, a UE e algúns países latinoamericanos coa dereita venezolana e a súa estratexia de desestabilización. Un dirixente estadounidense mesmo chegou a recoñecer publicamente en declaracións á imprensa que traballan desde distintas frontes para derrocar o Goberno de Venezuela, un atentado ao Dereito Internacional que se sostén no recoñecemento da soberanía nacional dos estados e na non inxerencia nos asuntos internos destes.

Tamén WikiLeaks filtrou documentos sobre os intereses reais dos EUA en Venezuela.

A UE, os EUA e os gobernos da dereita de Latinoamérica condenan a Maduro e a revolución bolivariana mais, iso é estar illado? Venezuela mantén relacións diplomáticas, políticas, comerciais e económicas con Rusia e China así como co bloque de non aliñados. É falso que o país se atope isolado mais este argumento evidencia que ‘Occidente’ non ve máis alá do seu embigo e pensa que o mundo remata na súa fronteira.

6. Os resultados electorais foron manipulados

Esta é a nova e última (que non derradeira) baza que xogan a dereita e a imprensa hexemónica acolléndose ás declaracións feitas polo presidente de Smartmatic, Antonio Mugica, nas que aseguraba que existiu unha fraude electoral cos resultados das votacións á Asemblea Nacional Constituínte e que estes foran inflados polo Goberno venezolano polo menos nun millón de votos.

É posíbel que a través do sistema de votación existente en Venezuela e, cómpre lembrar, fornecido por Smartmatic, que se produza unha fraude? Segundo o propio empresario non. Así o recoñecía no ano 2013 nunha entrevista na que aseguraba que o sistema non era manipulábel e que no caso de se producir algunha deturpación, o propio sistema alertaba do erro. Razón pola que a empresa, orixinariamente venezolana mais afincada no Reino Unido desde hai anos, se converteu na líder do mercado sendo empregada, entre outras, nos dous procesos electorais que deron a vitoria a Barack Obama como presidente dos EUA.

Afirma o directivo coas súas declaracións que o seu sistema falla?

7. O petróleo: a beizón e maldición de Venezuela.

Venezuela posúe a principal reserva mundial de petróleo constituíndo o eixo central da súa economía.

A Constituínte fíxase entre outros obxectivos deseñar unha folla de ruta para a Venezuela post-petróleo. O actual modelo económico do país sostense basicamente na produción, transformación e venda deste recurso fósil de carácter finito. Os beneficios conseguidos a través del por parte do Estado venezolano despois da súa nacionalización permitiron desenvolver os programas económicos e sociais que conseguiron reducir enormemente as cifras de pobreza, exclusión social, analfabetismo, mortalidade infantil… que atinxían o país.

Porén, é arredor do petróleo onde pivotan os intereses da oligarquía venezolana e estadounidense. É a razón pola que se procura desestabilizar o país e derrocar o proceso revolucionario iniciado por Hugo Chávez. É tamén o motivo polo que se centra o foco mediático en Venezuela e non se fala do asasinato de centos de xornalistas en México, das execucións de opositores en Arabia Saudí, da epidemia de cólera e desnutrición infantil no Iémen, no estado falido creado pola operación militar internacional de 2011 en Libia ou a represión e autoritarismo instalado no último ano por Erdogan en Turquía.

A pregunta que queremos que te fagas se chegaches até aquí coa túa leitura é: estás verdadeiramente informada?

Leave a Reply

Your email address will not be published.