Sobre a campaña de vivenda de Galiza Nova en Compostela

O Xacobeo 2021 vénnos dado pola sucursal española na Galiza, coa marca do PP, aínda que insistan en agochala, como a gran oportunidade económica deste século para o noso país. Pero da venda da mercadoría, neste caso, o noso país, está sempre divorciado co pobo traballador que a produciu e lle deu forma co seu esforzo. E este divorcio evidénciase ata nas máis básicas necesidades da nación galega. Non hai máis que ollar a subida do prezo do alugueiro na súa capital, onde actuou a campaña de Galiza Nova neste mes de outubro, que segundo o IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo) nos últimos tres anos foi do 14%. Entrementres, 9.500 vivendas en Compostela están baleiras; de feito, en toda Galiza o 30% do parque inmobiliario está infrautilizado ou sen utilizar.

Esta suba, provocada polo auxe da ocupación turística de inmobles, proporcionou no mes de agosto aos arrendadores un ingreso medio de 1832€. Ao mesmo tempo, a desindustrialización da Galiza afúndea cada vez máis no sector servizos, onde se localizan os salarios máis baixos e as condicións de traballo máis abusivas, ata o punto de que o salario medio da xente nova que busca independizarse non supera os 900€. Deste xeito, o maxistral proxecto do goberno anti-popular abre unha fenda cada vez máis ampla entre os traballadores e estudantes e o seu dereito fundamental a unha vivenda digna. Esta fenda que se interpón entre a nación e o seu teito vese debuxada na forma do Camiño de Santiago, por onde camiñan máis de 300.000 peregrinos cada ano, formando un valo infranqueable para os demandantes de vivenda.

Se unha parte cada vez maior deste número crecente de turistas se aloxa en pisos alugados, e así se prevé que sexa, cada vez máis inmobles se dirixirán ao sector vacacional, no que se está librando unha batalla entre arrendatarios do sur de Europa contra turistas cun nivel salarial e cunha predisposición ao gasto moito maiores.

Este avance do sector turístico non só é quen de ameazar os centros históricos das cidades, moitos convertidos xa en parques temáticos á venda, senón tamén a práctica totalidade das urbes. Abonde para exemplificar isto o caso doutras cidades europeas afectadas pola mesma problemática, como Venecia ou Palma de Mallorca.

Ante o encarnizado conflito que xera esta situación Galiza Nova saíu á rúa, mobilizándose en contra da xentrificación turística en Compostela. As súas afiliadas e simpatizantes colaron cartaces que formulaban os dilemas e as consecuencias da turistificación da vivenda (“Por que hai pisos baleiros e xente vivindo na rúa?”, ou “Canto che subiron o alugueiro este ano?”) e repartiron voandeiras presentando a problemática e reivindicando que un proxecto alternativo á monetización do país e do patrimonio é posible da man do proxecto de vivenda social do Bloque Nacionalista Galego. Tamén se venderon bandeirolas coa proclama “Aínda vivo aquí”, que se colgaron nas xanelas dos pisos en Compostela para visibilizar a situación de desamparo dos arrendatarios galegos, e mesmo se situou unha tenda de campaña na rúa para caricaturizar as opcións que a Xunta de Galiza ofrece aos nosos traballadores e estudantes.

A campaña, que durou aproximadamente un mes, culminou cun acto cos arquitectos e investigadores Iago Lestegás e Hilda Cuba e con Xosé Manuel Durán e Marcos Pombo, representantes das AA.VV. do Ensanche e do Casco Vello, respectivamente. Nel, puidemos apreciar no detalle profesional  e na experiencia directa dos poñentes os pormenores e as tendencias deste desaloxo que sufrimos nas nosas cidades e vilas. E mentres a política institucional manteña o rumbo actual das mans da franquicia do Partido Popular na Galiza, o seu ritmo non fará máis que aumentar. O Xacobeo 2021, presentado como a propulsión que precisa a economía galega, non será máis que o reactor do foguete que explota antes de abandonar a atmosfera. E os seus restos veranse coroados cunha bandeira azul que dea conta da súa excelente calidade.