Solidariedade con Catalunya: Basta xa de presas políticas

Despois de meses co foco mediático afastado de Cataluña, a mesma semana na que se realizaba no Parlament a votación para a elección da nova presidencia do país, o estado español volta a exercer de maneira visíbel a represión á que nos ten acostumadas: a través primeiro da Audiencia Nacional, coa prisión incondicional para Turull, Rull, Romeva, Forcadell e Bassa, e hoxe mesmo coa detención de Puigdemont en Alemaña, tras a emisión dunha orde de detención europea e internacional para todas as parlamentarias exiliadas.

Os actos dos últimos meses, coas ordes de detención a parlamentarias e consellers, os secuestros de papeletas, as cargas policiais e a represión violenta nas rúas a quen só quería manifestar a súa opinión mediante un voto, son a proba máis clara de que o estado español é un estado antidemocrático, que recorre á violencia e á represión para salvagardar o seu statu quo. Esta actuación desmedida do estado español contra o pobo catalán amosa que a cuestión nacional é a principal debilidade do actual réxime español, revelándose por tanto o nacionalismo como o movemento político con maior potencial para loitar contra o estado e conquerir os nosos dereitos como pobo.

O estado español vese na obriga de pechar o debate sobre a soberanía das nacións sen estado a golpe de detencións, empregando o poder xudicial como arma contra o independentismo e sen mostrar reparo ningún en reinterpretar a súa propia lexislación co gallo de alcanzar os seus obxectivos. Mostra isto unha evidente falta de separación de poderes impensábel nun estado de dereito, e que só ten sentido nunha democracia formal pero non real como é a española.

Esta situación, a pesar de lle xerar ao estado español un descrédito internacional e mostrar publicamente a súa verdadeira face, non está tendo a resposta internacional que merecería unha violación de dereitos fundamentais, revelando así que tal e como analizou o nacionalismo galego, a UE non existe para salvagardar valores democráticos senón unicamente para protexer intereses económicos.

Desde Galiza Nova solidarizámonos novamente co pobo catalán no seu proceso de loita pola independencia nacional e amosamos a nosa repulsa contra a vaga represiva e antidemocrática do estado español. É o momento de esixir con aínda máis forza o noso dereito á autodeterminación e reafirmarnos na loita pola construción dunha República Galega.

Leave a Reply

Your email address will not be published.