SOLIDARIEDADE CO POBO VENEZOLANO

Desde Galiza Nova condenamos firmemente o novo intento de golpe de estado acontecido no día de hoxe en Venezuela, protagonizado polas forzas de extrema dereita acompañadas por un grupo de militares, e co apoio no goberno dos EUA e doutros gobernos reaccionarios. Este novo intento golpista súmase á escalada de desestabilización contra a orde constitucional venezolana e dirixida contra o presidente democraticamente escollido, Nicolás Maduro

Estamos pois, ante unha nova agresión imperialista, nun contexto no que a ultradereita e as posicións máis reaccionarias están a avanzar en Latinoamérica e no mundo. Venezuela é o símbolo dos pobos que loitan pola súa liberdade e soberanía, algo que o capital non está disposto a permitir, é por iso que dende os grandes poderes económicos transnacionais se impulsou este golpe de estado para derrubar o goberno de Maduro, lexítimo e escollido democraticamente.

Dende Galiza Nova apoiamos o goberno lexítimo e democrático de Venezuela, responsábel da época de grandes avances que viviu o país dende o comezo da Revolución Bolivariana, defendendo a soberanía e a liberdade do pobo venezuelano fronte as inxerencias do imperialismo norteamericano.



GALIZA CON VENEZUELA!
ANTIIMPERIALISTAS SEMPRE!