Unha vez rematado o xuízo ás militantes de Causa Galiza e Ceivar cómpre realizar unha breve análise  en chave política do que aconteceu nel e do que pode significar en canto a dereitos e liberdades públicas. Como é sabido, Galiza Nova viu posicionándose a favor dos dereitos das encausadas e da legalidade das organizacións desde que se coñeceron as detencións. E facémolo non só desde o convencemento de que como membros de organizacións políticas e sociais teñen dereito a exercer as súas actividades, senón porque consideramos que os procedementos da xustiza española amosaron a falta de consistencia das “probas” da existencia dun suposto “entramado criminal” independentista.

Após as últimas semanas, ficou demostrado que aquelas teóricas probas incriminadoras non son máis que ideas vagas construídas desde os corpos policiais e os órganos xudiciais co obxectivo de desartellar parte dun movemento social e político considerado molesto para o Réxime. Só así se explican os bandazos nos delitos imputados ao longo do proceso e as vagas declaracións de membros dos corpos policiais. Neste sentido, resulta ben simbólico que na última xornada do xuízo se lle arrebatase o seu dereito á última palabra a unha das persoas encausadas.

Vistos os intentos de ilegalización e suspensión de actividades de ambas organizacións ao longo do proceso, e as declaracións de maltratos e vexacións cara as encausadas, resulta evidente a persecución da disidencia política a través de ferramentas represivas que poden ser legais pero tamén completamente inxustas e desproporcionadas. Estamos ante unha nova evidencia do carácter antidemocrático do Estado Español e da necesidade dunha ruptura real coas estruturas herdadas do franquismo. Até que iso non suceda será verdadeiramente difícil acreditar na limpeza deste tipo de procesos xudiciais.

Galiza Nova considera prioritario e urxente rematar con todo tipo de tribunais políticos e de excepción, en concreto con aqueles herdeiros do Tribunal de Orden Público da ditadura. O normal exercicio das liberdades democráticas e as garantías nos procementos xudiciais deben ser as ferramentas que permitan ao pobo reivindicar os seus dereitos sen medo á represión do Estado. Como organización independentista consideramos que o camiño para a consecución real destes obxectivos é o exercicio do dereito a decidir.

O noso compromiso coa construción dunha República Galega libre e xusta mantense firme e inalterable. Nestes momentos debemos exercer a solidariedade con todas aquelas persoas e organizacións que lexítimamente defenden estes mesmos postulados por vías democráticas. Só mediante a defensa dos nosos dereitos colectivos poderemos facer fronte á espiral imperialista e autoritaria que percorre o Estado Español e toda Europa.

Absolución ás 12 encausadas na Operación Jaro! Polas liberdades democráticas plenas!

Leave a Reply

Your email address will not be published.