Solidariedade coas presas galegas

Este sábado 4 de febreiro terá lugar a XI Marcha ás Cadeias organizada este ano baixo a reivindicación do fin da política de dispersión de persoas presas no Estado Español. Desde Galiza Nova opoñémonos a este tipo de políticas que vulneran os dereitos destas persoas e que se lle aplican por unha cuestión puramente ideolóxica e manifestamos o noso firme compromiso na defensa dos dereitos humanos.

Por este motivo denunciamos novamente o marco xurídico excepcional español que, como confirman os sucesivos informes elaborados polo Comité Europeo para a prevención da tortura e outras institucións internacionais como as Nacións Unidas, supón unha vulneración dos dereitos das persoas a quen se aplica a Lei Antiterrorista. Amosamos pois o noso rexeitamento á Lei Antiterrorista, á Lei de Partidos, á dispersión das persoas galegas presas, á Lei Mordaza… e demandamos a derrogación deste entramado xurídico-normativo en aras de garantir as liberdades públicas e os dereitos humanos, o dereito á lexítima defensa, o dereito á tutela efectiva e ás debidas garantías procesuais.

De forma corrente vulnéranse cuantiosos dereitos da poboación galega que se presupoñen inherentes a calquera persoa producíndose mesmo significativas faltas de rigor xornalístico nas informacións difundidas que publican dados falsos a respecto de rexistros, familia, ideas… O dereito á intimidade, á propia imaxe e, por riba de todo, á presunción de inocencia debe ser respectado -e garantido- en todas as ocasións.

A enfermiza obsesión do Estado Español coa garantía da súa unidade empurra a súa maquinaria de brutalidade represiva contra o movemento nacionalista galego. Desde Galiza Nova rexeitamos a lexislación represiva española e a Audiencia Nacional, ese tribunal político de excepción e herdado do réxime fascista,e que carece de garantías xurídicas. Consideramos escandaloso que un tribunal de excepción como a Audiencia Nacional, teña a intención política clara, calculada e descarada de desacreditar e perseguir o nacionalismo galego.