Solidariedade coas presas independentistas

Foto: @CausaGaliza

Ao fío das detencións acontecidas durante o día de onte no noso País, desde Galiza Nova queremos amosar a nosa solidariedade e o noso rexeitamento á campaña política e mediática de criminalización que se está a desenvolver nas últimas horas. Expresamos tamén a nosa máis fonda preocupación pola vulneración de dereitos que estarían a sufrir as persoas detidas coa aplicación da inxusta lexislación antiterrorista española, que visa criminalizar o movemento independentista galego.

O dereito á intimidade e á presunción de inocencia debe ser respectado -e garantido- en todas as ocasións. E máis naqueles casos, coma este, onde os feitos adquiren especial relevancia mediática e son empregados, en non poucas ocasións, cun marcado e claro obxectivo político. Neste senso, esiximos -como noutras ocasións- o cumprimento dos dereitos humanos.

Como parte do movemento soberanista galego debemos alertar da clara indefensión na que se atopan arestora as catro persoas arrestadas, por serlles aplicada a denominada Lei antiterrorista. Este é un marco xurídico excepcional que, como confirman os sucesivos informes elaborados polo Comité europeo para a prevención da tortura e outras institucións internacionais como as Nacións Unidas, supón unha vulneración dos dereitos da persoa detida. Así é que amosamos o noso rexeitamento e demandamos a derrogación deste entramado xurídico-normativo en aras de garantir o dereito á lexítima defensa, o dereito á tutela efectiva e ás debidas garantías procesuais.

Hoxe luns ás 20:30h hai convocadas as seguintes concentracións en solidariedade coas detidas:

A Coruña: no Obelisco

Burela: na praza do Concello

Compostela: na praza do Pan (Cervantes)

Lugo: na praza Maior.

Ourense: na praza do Ferro.

Pontevedra: na praza da Peregrina.

Vigo: no MARCO

Leave a Reply

Your email address will not be published.