Solidariedade con Cuba

En Galiza Nova rexeitamos os intentos de desestabilizar socialmente o pobo cubano, despois do bloqueo económico que fai que un país que está a desenvolver cinco vacinas fronte á COVID-19 haxa dificultades para adquirir xiringas ou mesmo para o subministro eléctrico. Do mesmo xeito, mostramos o noso rexeitamento a como os medios de comunicación se están a facer eco dunhas protestas en Cuba mentres enmascaran o bloqueo económico criminal desde hai setenta anos, así como todo tipo de información sobre este país no que ten que ver co seu desenvolvemento a nivel social, educativo, sanitario, etc., ou a actitude sempre solidaria de Cuba á hora de prestar axuda internacional enviando apoio humanitario a múltiples situacións de necesidade a nivel mundial.

A campaña SOS-Cuba que despregaron medios afíns ás grandes potencias económicas pretende sobredimensionar unhas protestas que son, sen dúbida, minoritarias, ao mesmo tempo que se ocultan as mortes e desaparicións de Colombia, os milleiros de mortes no Brasil pola xestión nefasta de Bolsonaro, o asasinato do presidente de Haití, etc.

En Galiza Nova saudamos a Revolución Cubana e un pobo que sempre foi solidario co resto do mundo, no camiño de construír unha sociedade rexida polos valores da igualdade, a xustiza, a liberdade e os dereitos das persoas. Debe ser o pobo soberano de Cuba o que continúe a construír a súa historia e por iso esiximos o cese do bloqueo imposto polas elites económico-financeiras a nivel mundial.