Artigo do compañeiro Santiago Pérez Marquina

A crise da coronavirus fixo que moitas empresas de diferentes sectores anunciasen unha avalancha de despidos temporais que afecta a miles de traballadores, eu son un deles. Con dezaoito anos e a causa da pandemia do Covid-19 quedeime, dun día para outro, sen o traballo que compaxino cos meus estudos do Grao Medio de Cociña e Gastronomía. Recibín a noticia desta preocupante situación mediante unha app de mensaxes instantánea, nin sequera houbo unha chamada por parte da empresa de ocio infantil para a que traballaba.

As explicación eran sinxelas: todos os aniversarios, actividades e festas infantís cancelaranse e, ao non ter un contrato fixo, quedei sen o meu emprego. Tampouco me corresponde ningunha axuda por parte das administracións públicas, dado que tiña un contrato por obra e servizo e carecía dun ano cotizado. 

Esta situación derivada pola emerxencia sanitaria do coronavirus exponme numerosas dúbidas, entre elas se recuperarei o meu emprego ó finalizar o estado de alarma ou se pola contra optarán por eliminar parte do persoal. Tampouco sei canto tempo estarei sen traballar porque descoñecemos como poderá cambiar o sector dos eventos infantís na etapa post-covid. A pesar de que se impoñan medidas restritivas que reduzan o aforo de nenos o certo é que manter as distancias sociais recomendadas non semella sinxelo neste entorno de xogos.

Como todos os mozos galegos teño gastos e o meu emprego supuña unha pequena independencia económica e o impulso que precisaba para poder facer fronte a determinados pagos como poden ser o do meu permiso de conducir.

Se encontrar emprego para unha persoa tan nova e sen experiencia xa resulta de por si complicado, poder estudar, traballar e conseguir compaxinar os horarios resulta practicamente imposible. As dificultades son maiúsculas e a maioría de empregos teñen como requisito, cando menos, dous anos de experiencia. O curioso é saber como imos conseguir os mozos da Galiza demostrar o noso potencial se non nos dan a oportunidade de acadar esta experiencia.

Leave a Reply

Your email address will not be published.