Equipa feminina de fútbol: Toda a oficialidade, todos os recursos

Equipa Feminina Despois de 8 anos sen pisar o terreo de xogo, a equipa feminina de fútbol de categoría absoluta da Galiza volta para enfrontarse á de Catalunya nun encontro amigábel.
O partido terá lugar este xoves 22 de decembro ás 19:00h no campo municipal de A Lomba, en Vilagarcía de Arousa, e contará coa participación de xogadoras con recoñecemento internacional coma Verónica Boquete.

Desde Galiza Nova facemos un chamamento a toda a mocidade e sociedade galega para acudir a este evento, e aplaudimos que se leve a cabo a organización deste encontro no que se visibiliza a nosa selección feminina de fútbol.

Con todo, consideramos que non foi inocente a data, hora e lugar escollidas para o partido, ao igual que a pouca difusión do mesmo que se fixo nos medios. Sabemos das precarias condicións nas que se atopa o deporte de base desde que está o Partido Popular no goberno, mais están sendo claras as diferenzas en canto aos recursos sociais e económicos postos no seu momento para a selección galega masculina e os agora tendidos para a selección feminina. As administracións non tratan a selección feminina ao mesmo nivel que a selección masculina, xa que hai uns meses realizouse este mesmo evento nunhas condicións moi diferentes cando se trataba do encontro masculino. Isto supón unha clara discriminación do deporte feminino, que unha vez máis é visto coma se fose dunha categoría inferior.

Debemos seguir reivindicando e visibilizando o papel das competidoras femininas no deporte, pois na maioría dos casos, e nomeadamente no caso do fútbol, vense relegadas a un segundo plano. É necesario mudar a actual situación de que o punto de mira só se poña nas competicións masculinas e se deixe de entender as femininas como secundarias ou menos importantes en todo tipo de deportes.
Por iso mesmo reclamamos que as seleccións femininas galegas teñan a oficialidaden e o recoñecemento internacional que merecen: o dunha selección nacional que representa a todo un país como deportistas de alto nivel que son. Que se publiciten axeitadamente os seus encontros e que se lles preste a atención que lles corresponde.

Para rematar coa opresión cara as mozas e coa desigualdade reclamamos para as seleccións femininas galegas toda a oficialidade e todos os recursos!