‘Traballo digno na nosa terra, no noso concello’ Iago Varela, candidato por Cabanas

fotografia-candidato-cabanas-recurtadaIago Varela é o candidato á Alcaldía en Cabanas. Este mozo de 29 anos naceu en Cabanas e está vencellado á comunicación sobre novas tecnoloxías tras ter cursado estudos de Enxeñaría de Telecomunicacións. Entrou en contacto co nacionalismo no seu paso pola Universidade, cando empezou a traballar no ámbito do asociacionismo estudantil nos CAF (agora Comités). Foi Responsábel Comarcal de Galiza Nova, organización na que milita desde hai case dez anos. Na actualidade dirixe unha publicación online sobre novas tecnoloxías (Mallando no Android), colabora en diversos medios e ten previsto iniciar unha nova andaina profesional a partir do mes de xuño.

Traballo digno na nosa terra, no noso concello.

Unha das frases de campaña históricas do BNG é aquela que di Traballo digno / na nosa terra! O slogan, tristemente, segue a estar de plena actualidade hoxe en día, e máis nun concello rural coma Cabanas, onde, ademais das políticas do goberno central e da Xunta (que empuxan a toda a mocidade do país cara á emigración), sufrimos tamén a inoperatividade do goberno local, que ve como a mocidade cabanesa foxe ás cidades sen facer nada.

No BNG non compartimos ese tópico tan habitual nos concellos do PP-PSOE, aquilo de que “non se pode facer nada” desde os concellos. Ao contrario, no BNG consideramos os concellos como a administración máis próxima ao cidadán, na que as políticas implantadas poden cambiar a vida das persoas dunha forma máis inmediata. E isto tamén se aplica ás políticas de mocidade. O noso modelo de concello está baseado na crenza de que o goberno municipal pode contribuír a que a mocidade teña alternativas para traballar e vivir no propio concello, evitando que as mozas de Cabanas constrúan o seu proxecto de vida noutros concellos con mellores oportunidades de emprego ou de facilidade de acceso á vivenda, sexa en Narón, na Coruña, en Madrid ou en Londres.

E como facermos que a mocidade fique no noso concello? Cremos que unha das chaves é que a mocidade teña alternativas de emprego no propio concello. Para isto poremos en marcha un plano de emprego específico para a mocidade, con dúas medidas fundamentais: Por unha banda, fomentaremos unha formación máis ligada ao territorio, favorecendo que a mocidade de Cabanas realice as prácticas profesionais nas empresas do concello e poida acabar traballando nelas. Por outra, contribuiremos ao desenvolvemento do tecido económico local, creando un viveiro de empresas, preferentemente vinculadas ás TICs e aos ámbitos de actividade existentes en Cabanas, de forma que os titulados universitarios e de Formación Profesional poidan levar adiante proxectos empresarias na localidade, ligados ao territorio e coa axuda e o asesoramento do concello.

Porén, somos conscientes de que é moi complicado que o 100% da mocidade traballe no concello, polo que a outra chave do noso proxecto é facermos de Cabanas un lugar atractivo para a mocidade. Para iso, impulsaremos un transporte público de maior calidade, que permita vivir en Cabanas e traballar fóra, reordeando as liñas, mellorando as conexións da zona rural, e impulsando o apeadoiro do Areal e a liña de ferrocarril á Coruña e Ferrol, que deberá ter máis frecuencias e menor prezo. Tamén promoveremos a construción de vivenda protexida en réxime de alugueiro para menores de 35 anos, e ampliaremos os servizos públicos e sociais, levando os servizos básicos ao 100% do territorio e apostando polas medidas de conciliación familiar, ampliando o horario da escola infantil e creando unha ludoteca.

Cremos que mediante a aplicación destas (e doutras) medidas podemos contribuír a frear a sangría da emigración que padecemos. Non hai modelo de concello posíbel sen un relevo xeracional, e por iso cómpre mudarmos Cabanas, de raíz. Mudarmos Cabanas para que sexa un concello no que se poida vivir ben, no que se dean as condicións necesarias para que a mocidade non teña que verse obrigada a facer as maletas e marchar.

O BNG ten demostrado que se poden facer as cousas doutra forma, que o conformismo e a incapacidade dos concellos non son máis ca unha pose. Nas nosas mans está que o 24 de maio os concellos de todo o país teñan gobernos nacionalistas que demostren que desde eles podemos cambiar o país, paso a paso. Depende de nós.

Leave a Reply

Your email address will not be published.