Transformar Redondela para a mocidade #DependeDeNós

yesica garcíaChámome Yesica García e por primeira vez dou o paso de ir na candidatura no Concello de Redondela. Inicieme no ámbito político coa chegada á universidade, onde comecei a traballar tanto desde Galiza Nova como desde a organización estudantil Comités a prol do estudantado e a mocidade.

O feito de que eu e moitas das miñas compañeiras e compañeiros vaiamos en candidaturas do BNG Asembleas Abertas en diferentes concellos galegos é a constatación de que a nosa forza política cre realmente na xuventude como garantía de futuro.

Vivín durante anos esas pequenas e grandes cousas que o BNG fixo no meu concello sempre gobernando en coalición e coas limitacións que iso arrastra. Tamén vivín os catro anos de goberno do Partido Popular onde se recortou en eidos tan importantes hoxe en día como servizos sociais.
Vivín como as e os estudantes ficamos sen bolsas, quíxose prohibir o aborto, recortes en sanidade, recortes en servizos sociais, reformas en educación ( LOMCE, 3+2…), reforma laboral… todas reformas e políticas das que o Partido Popular redondelán é culpábel e partícipe.

Sei do que son capaces de facer os do Partido Popular. A eles non lles importa que a xuventude emigre (teñen que coñecer mundo din…) Sei que non lle importa permitir que se nos escravice por contratos de miseria, nin que non teñas liberdade aprobando leis como a Lei da Mordaza.

Queremos rematar con isto. Loitar polos nosos futuros. Pola igualdade,pola cultura, polo emprego, por un concello limpo e transparente sen amiguismos, sen caciquismos.
Dende os concellos podemos mudar isto, facer unha Galiza mellor. É por isto polo que con 21 anos e aínda estudando decido sumarme á candidatura que fará de Redondela unha vila exemplar. Sumarme á candidatura do BNG Asembleas Abertas de Redondela sei que é o correcto.

Estes catros anos de Partido Popular levaron a recortes en todos os ámbitos, acentuándose máis no eido xuvenil que levou a case unha inexistencia de políticas reais e efectivas para a xuventude.
O partido que nos mal-goberna en Redondela nunca, nestes catro anos, tivo presente a mocidade. Deulles igual o gran paro xuvenil, non desenvolveron políticas en apoio á cultura propia desenvolvidas polas mozas e mozos redondeláns incluso mantivo pechado durante certo tempo o local de Nsaio, onde tantos grupos redondeláns desenvolven a súa actividade musical.

Dentro das competencias municipais, o BNG de Redondela, propón unha Concellería de Mocidade para que desde alí traballar e axudar as mozas e mozos redondeláns. Dende esta Concellería de Mocidade se fixará como obxectivo principal traballar para mellorar a situación laboral da xuventude no noso concello, fomentar o asociacionismo xuvenil, fomentar a lingua e cultura galega entre a mocidade…

Sabemos que en Redondela temos músic@s, artistas plástic@s, escritoras e escritores… temos unha xuventude que desenvolve unha importante actividade cultural no noso concello, a cal non está sendo realmente apoiada polo goberno municipal. Dende o BNG apoiaremos e impulsaremos iniciativas culturais en tódolos eidos porque somos conscientes da importancia da cultura dentro do concello.

Sabemos que as mozas e mozos debemos participar, debater sobre problemáticas xuvenís , por iso propomos fomentar o Consello Municipal da Mocidade, onde terá voz real a xuventude e capacidade de decisión. Porque temos que ter un lugar onde manifestar as nosas opinións e que se nos teñan en conta e decidir.

Moita iniciativas son as que temos para a mocidade redondelá mais para que se leven a cabo depende de nós e tamén de vós.