As compañeiras da comarca de Lugo lanzan unha campaña para denunciar o desmantelamento dos servizos públicos de transportes.
Ano tras ano vemos como se van reducindo liñas e horarios de autobuses, e tamén está á vista o abandono de paradas no rural e incluso estacións enteiras como a de Vilalba.

O goberno de Feijóo non actúa malia que ten capacidades e competencias. Del é toda a responsabilidade da degradación deste servizo. Incluso desde a propia cidade de Lugo resulta complexo desplazarse ás outras cidades por falta de frecuencias e incluso por falta de liñas directas como a de Vigo que só actúa venres e  domingos en horarios moi concretos.

Un dos obxectivos é poñer o foco na dificultade que supón para a xente moza desprazarse hoxe en día. A minoría de idade para conducir e o pouco poder adquisitivo para ter un vehículo propio fai que se dependa dun transporte público insuficiente.

«Temos un transporte público que non é propio deste século», avaliaba a asemblea comarcal de Lugo logo de analizar a situación dos servizos de trens e autobuses. As intervencións foron na liña de criticar aos grandes partidos españois que utilizan o AVE como arma política, cando o prioritario para Galiza é un servizo de proximidade. A mocidade precisa poder desprazarse polo país, ben sexa por estudos, traballo e incluso ocio.

A campaña pretende poñer o transporte na axenda política e reclamar un transporte público eficaz e económico para as clases populares que sexa a alternativa ao actual modelo de transporte privado ambientalmente insostible e para o beneficio duns poucos.

Leave a Reply

Your email address will not be published.