“Un 8 de marzo, de clase e galego” Artigo de Lucía Veciño

Lucía Veciño é historiadora especializada en Historia de Xénero Contemporánea e ademais integrante da Mesa Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova

En 1910 Clara Zetkin propuxo na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, o 8 de marzo como data de reivindicación da loita das traballadoras. Unha data que naceu para crear conciencia entre as propias mulleres da discrimación de xénero, raza e clase das que somos vítimas en todos os ámbitos da nosa vida, mais a data foi baleirándose de contido e de refenrencias.

O capitalismo chegou a comercializar esta data, e permitiuse a celebración hipócrita dela por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e que non o fan, ao contrario lexislan contra nós. Mais estamos ante un 8 de Marzo que é especialmente particular. Os movementos feministas veñen de convocar unha folga das traballadoras en case 60 países, unha convocatoria sen precedentes na historia do feminismo e do sindicalismo para denunciar non só no discurso, senon tamén na acción a discriminación laboral, as agresións sexuais, machistas e os feminicidios.

 

Os exemplos de resistencia das traballadoras galegas son múltiples ao longo dos anos, non temos máis que voltar á vista atrás e situarnos nas folgas convocadas polas obreiras da fábrica de tabacos na Coruña, as cales paralizaron unha semana enteira a cidade a principios do século XX. Ou as mobilizacións das nosas labregas no rural galego, dende os movementos anticaciquís e antiforais ata os ecoloxistas ou na defensa do prezo do leite, que sen elas e o seu traballo directo ou indirecto, as movilizacións serían insostíbeis.

O certo é que participamos en todos os espazos da vida cotiá, realizamos os traballos esenciais para que a sociedade funcione: Somos maioría na sanidade, no fogar e no ámbito da dependencia. Sen nós nin se produce nin se reproduce, sen nós, párase o mundo, é iso é precisamente o que se busca visibilizar coa convocatoria de folga deste 8 de Marzo.

Silvia Federici dixo xa hai anos que o corpo das mulleres constituía a última fronteira do Capitalismo. Con esta afirmación fai referencia a relación directa entre a dependencia e agresións ás mulleres para que persista a supervivencia deste sistema. Por iso, é preciso que non deixemos que esta folga sexa algo simbólico, fagamos que sexa unha acción de resistencia e cambio real e que esta acción non fique aquí

As mulleres somos as grandes vítimas das reformas e recortes que tanto o goberno de Feijóo como o de Rajoy levan exercendo baixo a excusa da crise do capital dende hai anos. A isto temos que engadir os atrancos que día a día sufrimos na conciliación da vida laboral e familiar. Sen esquecer que seguimos a ser obxecto de agresións sexuais na rúa, mais tamén no traballo, sen que se adopten medidas realmente eficaces e urxentes para garantir a nosa seguridade. Non serve de nada aprobar protocolos de prevención ou plans de igualdade de oportunidades se non van á raíz do problema, non identifican as causas e non mudan o status quo.

Silvia Federici dixo xa hai anos que o corpo das mulleres constituía a última fronteira do Capitalismo. Con esta afirmación fai referencia a relación directa entre a dependencia e agresións ás mulleres para que persista a supervivencia deste sistema. Por iso, é preciso que non deixemos que esta folga sexa algo simbólico, fagamos que sexa unha acción de resistencia e cambio real e que esta acción non fique aquí. Recuperemos discursos, recuperemos espazos e demostremos a forza e capacidade de movilización das traballadoras galegas.