“Un mes de mobilización dos chalecos amarelos: cando, onde e por que naceron?” Artigo de Lucía Veciño

Lucía Veciño é integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova e viviu durante dous anos en Francia, sendo coñecedora da realidade social do país.

Hoxe, 17 de decembro cúmprese un mes dende que comezaron as mobilizacións no estado francés dos autochamados “chalecos amarelos”, cada sábado e xa van cinco enchen as rúas de todas as cidades de Franza.

Debemos analizar o movemento dos “chalecos amarelos” dentro da súa complexidade, con tendencias diverxentes, xa que a súa plataforma reivindicativa inicial era pobre e o seu horizonte político limitado (por non dicir inexistente). En catro liñas moi breves imos verter un pouco de luz sobre que é este movemento e en que momento nace.

Antes de nada, hai que facer fincapé no precedente destas mobilizacións, e é que Emmanuel Macron puxo en marcha en menos dun ano de mandato o 74% das reformas que levaba no seu programa electoral: Unha ofensiva brutal contra as clases populares. Diminución drástica do imposto ás grandes fortunas, o cal implicou que mentres que os máis ricos aumentaban un 20% os seus ingresos, os pobres facíano nun 1%. A isto hai que sumarlle unha reforma laboral que facilitaba a eliminación dos convenios colectivos ou unha reforma ferroviaria que que atacou as condicións dos traballadores do ferrocarril e continuou o proceso de privatización das liñas de tren. Mais as políticas neoliberais de Macron non remataron aquí…

Como comeza e cando?

O primeiro que temos que saber é que Franza ten un dos impostos en carburantes máis altos do mundo. A finais de setembro, o goberno francés anuncia unha nova subida nos impostos para xaneiro do 2019 (6,5 céntimos o litro de gasoil, 2,9 céntimos o litro de gasolina sen chumbo de 95). Automaticamente créase un clima de descontento na sociedade que se transmite sobre todo a través das redes sociais e de maneira nada organizada.

O sábado 17 de novembro ten lugar a primeira das mobilizacións, con cortes nas autoestradas, xuntando a máis de 300 mil persoas en todo o estado. Durante unha das múltiples manifestacións, unha persoa falece e 227 son feridas polas cargas policiais, sete delas moi graves. As mobilizacións continúan nos seguintes catro días, deixando máis de mil persoas detidas, preto de 570 feridos e unha vítima mortal.

Quen son?

É a Franza branca e pobre. Malia a porcentaxe tan alta de poboación negra que ten o estado francés, a súa participación é mínima, xa que dende sempre este colectivo viviu sempre nas aforas das cidades e na súa maioría utilizan o transporte colectivo.

Este novo imposto dos carburantes afecta máis que nada ás familias obreiras que cada vez se ven máis vivindo na metrópole das cidades, sendo expulsadas dos centros urbanos e incluso das periferias urbanos debido ao aumento dos prezos de alugueiro e das vivendas urbanas e a expansión espacial das cidades. Neste espazo e contexto, a dependencia do carro é indispensábel (traballo, crianzas, xestións administrativas, ir ao médico, vida social e ocio…).  De aí o carácter obrigatorio dos gastos en carburantes para estes fogares e en consecuencia, vista a súa precariedade orzamentaria, a extrema sensibilidade desta xente respecto ao seu prezo.

Dende a orgullosa París, ata a clasista Bordeos e pasando pola multicultural Marsella, arden Starbucks, coches da policía e as tendas de Apple son saqueadas.

Daí nace a opción das súas formas de actuar (bloquear a circulación de coches para sensibilizar nun inicio aos condutores) e a selección do símbolo da convocatoria (o chaleco amarelo).

As manifestacións seguiron espallándose por toda Franza sen organización de ningún tipo e deixando á marxe a principal ferramenta de loita obreira, os sindicatos. Malia que as imaxes que chegan a nós son case sempre de París, as mobilizacións espállanse por cada vez máis cidades sendo máis numerosas e chegando a outros colectivos (feministas, LGBT, estudantís, obreiros,  sector servizos…) repetíndose todos os sábados. Dende a orgullosa París, ata a clasista Bordeos e pasando pola multicultural Marsella, arden Starbucks, coches da policía e as tendas de Apple son saqueadas. Deixando ata o momento case 3 mil detidos, 3 persoas falecidas e case mil feridas. Son as vítimas das políticas austericidas levadas a cabo por todos os gobernos europeos dende fai 40 anos, as cales se traduciron para estas capas da sociedade na degradación das súas condicións de emprego, de traballo e soldos. Na degradación e incluso a desaparición dos servizos públicos.

A subida dos impostos aos carburantes era unha medida para loitar contra o cambio climático e acelerar a transición ecolóxica.  Mais os camioneiros e transportistas que se ergueron nun inicio contra ela sinalaron dende o primeiro momento que, co seu soldo de 1.500 euros e alugueiros de 700, 800 ou 900 euros, non estaban dispostos a asumir unha soa subida máis.

“Morte ao caviar, viva o kebab”. Esta frase apareceu pintada nunha das mobilizacións deste mes, a cal resume como é visto Macron polo pobo francés: un tecnócrata, un ex-banqueiro desconectado dos problemas reais da poboación para chegar a fin de mes, un elitista que aplica políticas contra o pobo.

Non podemos esquecer que  Emmanuel Macron, o mandatario galo máis novo dende Napoleón, foi presentado como o candidato capaz de vencer á extrema dereita de Marine Le Pen e ao seu Fronte Nacional e de insuflar novos folgos no motor franco-alemán para contrarrestar as políticas austeras da chanceler Angela Merkel. A día de hoxe a súa aprobación acada un 20% entre a poboación francesa.

Cales son as súas reivindicacións?

A composición sociolóxica do movemento serve para explicar os límites orixinais no terreo político e ideolóxico. As súas reivindicacións inmediatas limitáronse a esixir unha redución dos prezos do carburante, mais as súas pretensións ampliáronse, entre as cuestións principais recóllese o restablecemento do imposto aos máis ricos, o cal foi derrogado polo actual presidente, subida do salario mínimo, activación dun plan real e efectivo contra a pobreza, limitación dos prezos dos alugueiros, redución da fiscalidade directa ou a derrogación das últimas reformas laborais.

O 10 de decembro, o presidente francés anunciou un paquete de medidas para calmar as protestas e mobilizacións, na cal recollía unha falsa subida do salario mínimo, e que non ía supoñerlle un céntimo á patronal, co cal sería o pobo francés quen pagaría esta subida. Unhas declaracións que non fixeron máis que agravar a situación.

Após un mes de mobilizacións, en que punto se atopan os “chalecos amarelos”?

O 10 de decembro, o presidente francés anunciou un paquete de medidas para calmar as protestas e mobilizacións, na cal recollía unha falsa subida do salario mínimo, e que non ía supoñerlle un céntimo á patronal, co cal sería o pobo francés quen pagaría esta subida. Unhas declaracións que non fixeron máis que agravar a situación.

Mais a isto hai que sumarlle o atentado no mercado de Nadal que tivo lugar ao día seguinte en Estrasburgo, no cal faleceron tres persoas e que borrou por completo aos chalecos amarelos das portadas dos xornais de todo o estado. Alén disto, en moitas cidades as mobilizacións estaban prohibidas, polo que o último sábado o movemento decantouse por asentadas colectivas.

O certo, é que nesta última semana, o movemento perdeu forza e posición en Franza, mais xa se estendeu a Bélxica, onde chegou ao centro de Bruxelas e aos Países Baixos cunha crítica ás políticas de austeridade dos gobernos europeos e a este modelo da UE. O que pasará a partir de agora e como rematará esta aposta de discurso europeísta, está por ver…

Leave a Reply

Your email address will not be published.