Un presente de rebeldía para un futuro en galego!

A nosa lingua atópase a día de hoxe nunha situación crítica para a súa supervivencia, na que continúa a perder falantes sobre todo entre a mocidade. Un signo de alarma disto é, por exemplo, a crecente porcentaxe de persoas incapaces de desenvolvérense en galego a pesar de telo estudado na escola. A situación agrávase entre a xente máis nova pola falta de relevo xeracional: asistimos a unha situación na que unha gran porcentaxe de crianzas non teñen referentes galegofalantes no seu entorno. Cómpre sinalar tamén o efecto españolizador do actual modelo de ensino, que supón na práctica a substitución lingüística polo castelán de moitas nenas galegofalantes; proceso que se potencia co éxodo rural cara as cidades e coa desaparición de escolas de proximidade como as unitarias.

A lexislación actual non beneficia ao noso idioma, pois os supostos dereitos que se garanten sobre o papel, ademais de non estar protexidos pola administración, incluso se nos ven negados en múltiples ocasións. Os partidos políticos españois, nomeadamente o PP e o PSOE, non cesan no seu intento de eliminar o galego xunto cos outros trazos culturais diferenciadores.  Sabemos ben do valor da lingua por ser este un trazo identitario da nosa nación. Os elementos culturais propios, coma o idioma ou a historia, manteñen a Galiza coma un pobo claramente diferenciado dentro do estado español. Sendo consciente deste feito, o centralismo español loita constantemente pola eliminación destes elementos tan ligados á conciencia nacional. Ademais, mostra a súa faciana máis hipócrita en días coma o de hoxe, ao declararse publicamente defensor da cultura e a lingua galegas cando manteñen o seu uso relegado a un oficialismo baleiro de contido e á folclorización das mesmas.

A isto hai que engadir a reaparición de discursos abertamente ultraespañolistas e belixerantes cara a nosa lingua, destacando a resurrección de Galicia Bilingüe que hoxe é o cerne dun movemento estatal coñecido como “Hablemos Español”. Estes grupos galegófobos, residuais a nivel social, son rescatados e inflados polo poder político e mediático español cando precisan que lles fagan o traballo sucio.

Mais fronte a esta situación, a mocidade nacionalista rebelámonos, sendo conscientes de que o futuro da lingua pasa polas nosas mans. Día a día, as compañeiras de Galiza Nova loitamos pola plena normalización do idioma en todos os aspectos da vida diaria, pulando por un uso monolingüe do galego así como esixindo os nosos dereitos como falantes e usuarias. E neste futuro de galego cobran un papel protagonista todas as mozas que se suman ao noso chamado para dar o paso a falar en galego e se senten orgullosas de termos un idioma propio.

Desde Galiza Nova continuaremos a traballar esixindo a derrogación de todas as políticas galegófobas que discriminan a nosa lingua no ensino (tamén no non obrigatorio) e na Administración; así como a adopción de medidas para incidir na súa protección, coidando tamén a creación cultural e científica en galego. Do mesmo xeito, defendemos uns medios de comunicación públicos que actúen como verdadeiros axentes normalizadores, lonxe da situación coma a que se está a vivir actualmente na CRTVG, presa da manipulación e o control do Partido Popular.

Por iso chamamos a toda a mocidade galega a participar hoxe nas mobilizacións convocadas por todo o País pola plataforma Queremos Galego. Porque máis que nunca queremos galego en todo e para todo.

Consulta os horarios e lugares das mobilizacións:

A Coruña: Praza de Galiza ás 12:00h

Santiago de Compostela: Alameda ás 12:00h

Ferrol: Praza Vella ás 12:00h

Carballo: Praza do concello ás 12:00h

Lugo: Praza Maior ás 12:00h

Burela: Praza da Mariña ás 12:00h

Monforte: Praza de España ás 12:00h

Ourense: Praza do Ferro ás 12:00h

Pontevedra: Praza da Peregrina ás 12:00h

Vigo: Manifestación ás 12:00h. Saída cruzamento da Vía Norte coa Rúa Urzáiz.

A Estrada: Praza do mercado ás 12:00h

Cangas: Praza do concello ás 12h

Lalín: Praza da igrexa ás 12:00h

Barcelona: Ateneu Roig (carrer del Torrent d’En Vidalet) ás 20h