Unha muller viaxa soa. Unha anomalía.

Laura O. Sánchez, mochileira, socióloga, estudante de antropoloxia e militante de Galiza Nova.

Perdín a conta das veces que escoitei: Non tes sentido común… calquera día apareces morta ou violada. Estás tola, viaxar soa, a quen se lle ocorre?. O sermón patriarcal que levamos escoitando toda a vida. Unha mestura entre: medo ao descoñecido e vomitar discursos que vemos na televisión, estudamos nas escolas ou que reproducen os nosos pais.

Recomendacións que non parten da maldade ou a completa ignorancia, senón do paternalismo e o heteropatriarcado que impregna todos os ámbitos da sociedade. O sistema patriarcal, que non entende de fronteiras, atenta contra a nosa integridade e somos dobremente discriminadas: por sermos mulleres e mozas. E desde as institucións, lanzan a seguinte mensaxe: somos nós, as mulleres, as que temos que aprender a protexernos. Se son violada, o primeiro que me dirían sería: Estás segura?. E o seguinte: Que fixeches para que iso sucedese, por onde andabas e a que horas? As preguntas non son novas. Resumindo: muller, a culpa é túa.

As que quedamos, somos o berro das que xa non teñen voz. Pois algunhas mozas, como Marina e María José (dúas mochileras arxentinas), xa non poden falar. Os medios de comunicación dixeron que apareceron mortas en Montañita, Ecuador, no ano 2016. Mais foron asasinadas polo mero feito de ser mulleres que viaxaban soas. Efectivamente, algunhas redacións cren que dúas é o mesmo que unha. Non é un erro de comprensión lectora.

Recordo as palabras dunha mochilera mexicana, que cun tono sacástico, falaba da violencia de xénero: “Sempre que saio da miña casa de DF, vou con bragas limpas e un sostén decente. Póñolle dobre ración de comida ao can e auga. Penso que é mellor previr, tal vez non volto. No meu camiño pode aparecer un fillo do patriarcado, que me levará a unha rúa (chea de xente ou non) e serei violada. Ou asasinada, sen romperse moito a cabeza. Porén, prepárome con moito tino, se vou saír na portada dun xornal sensacionalista pois que a xente comente que era moi fermosa, mágoa que fose unha muller.”

Queremos ser libres, non valentes. Por suposto, somos conscientes dos perigos que hai fóra. Non imos por rúas escuras, pagamos un taxi se cae a noite, levamos o móbil na man e facemos o aceno de chamar, avisamos aos nosos amigos cando chegamos… O mesmo protocolo de autodefensa que seguimos na nosa vila natal, como nunha cidade que non coñecemos e fica ao outro lado do Atlántico. Porén, hai que lembrar que a maioría das violacións e feminicidios ocorren no círculo máis próximo: a familia, os amigos, os veciños… Alén diso, haberá que poñer atención ao que ocorre de portas para dentro. Non son casos illados, nin aberracións maquinadas por alguén que sofre unha patoloxía, é violencia de xénero sistemática e institucionalizada.

Todos os días, as mulleres escoitamos que viaxar soa é un suicidio ou pedir que nos violen. Continuarán meténdonos o medo no corpo, pois empoderar ás persoas que non entran na pechada categoría: home-heteropatriarcal, non é unha prioridade. Non hai vontade política. Nin sequera a xustiza está da nosa parte, a burocracia xoga a ser cómplice da victimización das mulleres.

Non abonda con falar ou deixar testemuño da desigualdade de xénero, cuxas expresións son difíciles de identificar pois normalizamos os mal chamados micro(gran)machismos. Mochilear está completamente masculinizado. A maioría dos blogs son escritos por homes, é estraño atopar unha muller que redacta as súas fazañas polo mundo e en solitario. Eles son vistos como aventureiros, mentres nós somos consideradas unhas temerarias ou heroínas, quedando relegadas a foros de moda ou cosmética. O mundo do couchsurfing, o autostop ou o workaway case non percibe a presenza femenina. Non é unha simple casualidade, senón a consecuencia de (sobre)vivir cun corsé, chamado patriarcado, que nos asfixia.

Contra o patriarcado, feminismo organizado!

Revírate!