‘Unión Europea: Ruína da mocidade galega!’ Artigo do Secretario Xeral de Galiza Nova

web_votoNon é nada doado ser moz@ na Galiza. Vemos día a día truncadas as posibilidades de vivir, estudar e traballar na nosa terra. As medidas desa mafia de poderes económicos chamada Troika coa complicidade do Estado Español está a desterrar todos os dereitos e liberdades que con suor e sangue teñen conquistado as xeracións que nos precederon. Están a eliminar o noso propio país, impídenos medrar aquí, ao tempo que rematan con servizos públicos importantísimos como a sanidade e o ensino, para que sexamos máis fáciles de ser dominad@s.

Os homes grises de Madrid e Bruxelas din que a culpa é nosa, e pretenden facernos crer que vivimos durante anos por riba das nosas posibilidades; polo que agora tócanos apandar coa débeda española. Unha débeda que nin é nosa nin que causamos, senón que é da banca e dos especuladores.

Mais a estes si os rescatan, iso si, cos cartos de tod@s nós, mentres a mocidade galega continúa a ser condenada á fame, á miseria e á emigración.

É vergoñento como o PPSOE aplicou e aplica sen titubeo os ditames da Unión Europea, e como están a arruinar a nosa capacidade de traballar o agro, a pesca, o naval…, como laminan os postos de emprego e fannos apandar con reformas e temporalidade que precarizan as condicións laborais para converter o pouquiño traballo existente en auténtico réxime de escravitude.

“Somos pouc@s, o resto d@s da nosa idade xa marchou da Galiza”

“Somos pouc@s, o resto d@s da nosa idade xa marchou da Galiza” dicía un bo compañeiro este sábado nunha praza pública ateigada de xente que se achegou para escoitar a situación da mocidade galega e a alternativa nacionalista. E é que a cifra é arrepiante: máis de 100 000 moz@s marcharon nos últimos 5 anos da Galiza en busca de posibilidades de vida que se lles nega na propia terra; e se temos en conta que esta cifra responde a datos oficiais, e que polo tanto para sermos máis exactos habería que sumarlle varios milleiros máis, fica claro que a nosa Nación camiña cara ao suicidio poboacional.

Hai que rebelarse? Está claro, porque non poderemos cambiar as cousas sen antes crebarmos as cadeas que nos subordinan a España e á UE e rematarmos para sempre con ese centralismo que nos fai periferia e que nos obriga a emigrar aos seus centros coa finalidade de que en Madrid e tamén en Berlín se enriquezan a costa da mocidade galega.

Hai que parar a Unión Europea e os seus sinónimos: secuestro da democracia, recortes e empobrecemento da Galiza.

Por iso hai que parar a Unión Europea e os seus sinónimos: secuestro da democracia, recortes e empobrecemento da Galiza. Sinónimos porque nunha UE cuxos centros de decisión non son electos pola cidadanía e que están creados e dominados polos poderes económicos, nunca haberá políticas que respondan ás necesidades da mocidade galega, pois só lexislan para o beneficio do capital.

Fica claro que só desde as cinzas da actual Unión Europea poderemos construír unha Europa diferente, dos pobos e para os pobos, na esquerda, que se coloque ao servizo da xente e onde non se malle a quen saímos ás rúas en defensa dos nosos dereitos e se ameace a quen propón consultas populares.

o 25 de maio temos que dar unha lección de dignidade

Por iso o 25 de maio temos que dar unha lección de dignidade, deixarlles claro que non nos van seguir estrangulando cos seus recortes. Temos unha gran oportunidade para baleirar Galiza de troikas e PP e enchela de votos daquelas e aqueles que defenden ao País, que non se dobregan ante as chamadas á orde que reciban desde Madrid, porque non se deben a ninguén de fóra, daquelas e aqueles que unicamente se deben ao pobo porque son pobo.

Se saímos á rúa polo ensino público e galego, polo traballo digno e con dereitos, contra os desafiuzamentos, polos dereitos reprodutivos das mulleres e as liberdades afectivo sexuais, na defensa do noso medio e contra a destrución do territorio, pola democracia e a nosa independencia, a paz a solidariedade e o internacionalismo… como non imos saír o 25 de maio? Creo que neste pobo témolo moi doado, só temos que facer aquilo que levamos feito en todo este tempo: REBELARNOS, decidindo por nós mesm@s, dándolle onde máis lles doe: votando BNG.