[VIVENDA] A PROBA DE CRISES

No presente contexto de excepcionalidade causado pola crise sanitaria, a cuestión da vivenda continúa a revelarse como un dos principais problemas que, no cadro da loita da clase traballadora contra os intereses do capital, impide a plena efectividade dos dereitos humanos no noso país. Desde Galiza Nova levamos anos denunciando o desleixo da Xunta e dos gobernos españois, así como a súa continua aposta por un modelo especulativo. Ante esta situación son múltiplas as propostas feitas para mudar a realidade e facer da vivenda un dereito plenamente efectivo e universal, tal como recollen os máis básicos instrumentos xurídicos internacionais asumidos pola lexislación española e galega.

Analizando o contexto de maneira ampla, desde Galiza Nova reivindicamos a necesidade de que o pobo galego poida exercer os seus dereitos soberanos, incluíndo plenas competencias que recollan, entre outras:

  1. A creación dunha banca pública que axuda a establecer unha economía centrada na sociedade e as súas necesidades;
  2. Nacionalización dos sectores estratéxicos;
  3. No relativo á vivenda, avanzarmos cara un modelo de prezos regulados.

En termos conxunturais, defendemos que as medidas aplicadas polos gobernos galego e español para paliar os efectos da crise sanitaria e económica son febles e covardes. A clase traballadora, mesmo con todas as medidas de protección social propostas, continúa sendo vulnerábel e pagando os custos da crise. Exiximos de maneira inmediata:

  • Unha re definición do grande propietario máis adecuada á realidade socioeconómica (agora mesmo considérase pequeno propietario aquel con ata 10 propiedades);
  • A suspensión de todos os lanzamentos que afecten á vivenda principal durante a vixencia do confinamento e o estado de alarma; 
  • A prohibición da suspensión de subministracións básicas que afecten a todas as vivendas habituais, mesmo en casos de procedementos iniciados antes da emerxencia sanitaria; 
  • A ampliación durante todo o estado de alarma dos prazos de solicitude de moratorias ou de aprazamento de débedas no caso dos grandes propietarios, e a este respecto, caso non haber acordo entre as partes, a aplicación automática da rebaixa do 50%, sendo a outra metade asumida polo grande propietario
  • A creación de maneira inmediata de normas específicas que protexan ao estudantado, permitindo solucións que dean seguridade xurídica e minimicen os custos para aqueles estudantes desprazados da súa vivenda habitual e as súas familias. 

Terminamos este comunicado expresando a nosa admiración polo conxunto do pobo galego: aqueles que fican na casa de maneira responsábel e aquelas traballadoras que arriscan a súa saúde para manter os servizos básicos para a substiencia da sociedade son as verdadeiras artífices da vitoria contra a crise. Xa na estafa financeira do 2008, o sistema capitalista revelouse como estruturalmente inoperante para garantir o benestar da sociedade e o respecto ao medioambiente, e tras esta crise, somos máis as que cremos nun futuro onde os intereses do capital non condicionen as nosas vidas. Exiximos aos poderes públicos que acompañen ao pobo na súa loita por un presente e un futuro mellor.

Ánimo a todas!