No día da Visibilidade Lésbica, reivindicamos a necesidade desta data pola grande invisibilización que as mulleres lésbicas padecemos na Galiza e no resto do mundo. Desde a Asemblea LGBT de Galiza Nova sumámonos ao conxunto de voces que loitan pola liberdade sexual e a superación de prexuízos e estereotipos que nos exclúen e agreden ás que non encaixamos no modelo tradicional de familia heteropatriarcal, reivindicando a nosa sexualidade e facéndoa visíbel, neste caso, desde as varandas e as fiestras. 

No seo desta sociedade cisheteropatriarcal, a nosa sexualidade só se recoñece cando se comercializa e se deseña para satisfacer o desexo masculino, converténdonos en obxectos sexuais ao servizo da industria. Cando non resultamos axeitadas para esta comercialización, ocúltasenos simulando unha simple amizade, amparándose no cliché machista de que non podemos ter unha sexualidade plena sen contar cun individuo masculino.

Tamén padecemos as políticas máis reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais, como acontece no sistema sanitario, que exclúe dos tratamentos de reprodución asistida a todas as persoas que non se enmarquen no modelo de familia heteronormativa ou a invisibilización nas consultas xinecolóxicas cando non temos acceso a unha información e unha atención que se adecúe á nosa sexualidade. 

No contexto actual somos conscientes de que moitas compañeiras se viron obrigadas a volver ás súas casas e cumprir o confinamento con outras persoas que non sempre as aceptan, volvéndose a sentir recluídas nun armario.

Por iso, desde a Asemblea LGBT de Galiza Nova reivindicamos a importancia de datas coma esta, que mostre a nosa loita por combater os prexuízos e as categorías que fomenta o sistema opresor no que vivimos, reivindicamos a nosa sexualidade e o noso dereito a desfrutala libremente sen sermos obxecto de escarnio nin sexualización. Queremos unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Hoxe desde as varandas, mañá nas rúas, mais sempre visíbeis!

Leave a Reply

Your email address will not be published.