Xuntanza co Frente Polisario

No día de hoxe o Secretario Xeral de Estudantes e membro do Secretariado Nacional do Frente Polisario do Sáhara mantivo unha xuntanza co noso Secretario Xeral, Alberte Fernández.

Na xuntanza puxéronse en común as situacións que vive a mocidade nas dúas nacións, que salvando as distancias, atopándose a mocidade sahariana nunha situación moito peor, son ambas de grande precariedade a raíz da dependencia colonial das nosas respectivas nacións doutra.

A situación no Sáhara é de constante violación dos dereitos humanos por parte de Marrocos, prohibindo que os medios de comunicación entren ás zonas ocupadas e coa tortura á orde do día. A mocidade sahariana perdeu a súa confianza na comunidade internacional, que ignora deliberadamente o seu caso e solicitou a organización de actos en solidariedade e apoio coa súa situación, conscientes de que o traballo que se faga tanto no seu país coma en todo o mundo conta á hora de acadar a liberdade do seu pobo.

Dende Galiza Nova amosamos tamén a nosa solidariedade e a crítica ao Estado Español, un dos principais causantes da situación que está a vivir o pobo sahariano logo de abandonar o territorio do Sáhara nos anos 70 favorecendo a ocupación por parte de Marrocos e ofrecémonos a colaborar na difusión da súa situación e na súa loita por acadar a independencia.