7, 8 e 9 de febreiro en Allariz

A participación e traballo nos diferentes movementos sociais existentes na Galiza foi unhas das pezas chave para a difusión e propagación do ideario nacional-popular entre a sociedade galega. Nunha sociedade cada vez máis individualizada, como táctica do neoliberalismo actual, cómpre máis que nunca que a mocidade nacionalista galega teñamos en mente a necesidade de reactivar o conflicto social desde un punto de vista de país.

Neste senso, as xornadas que aquí se presentan, tentan dar contexto e dotar de ferramentas teóricas e prácticas á nosa militancia co gallo de activarnos neste eido.

Comezamos cun pequeno aporte de contexto, coa explicación de que son os MMSS e como funcionan e se configuran. Como veremos, os MMSS, adoptan estruturas e funcionamentos diferentes segundo o ámbito de actuación e contexto sociopolítico, tomando a forma de asociacións, plataformas etc.

Dotármonos dun repaso histórico das diferentes loitas sociais encabezadas polo nacionalismo galego nos últimos 50 anos ten unha importancia notábel.

Para ser quen de incidir na sociedade actual, alén da política electoral, é preciso coñecer a nosa sociedade. Para isto debemos ser quen de analizar o contexto para o deseño de tácticas que nos axuden a acadar os nosos obxectivos.

Como mocidade nacionalista é vital que teñamos en conta a importancia de traballar máis aló do que o vimos facendo a nivel organizativo, un traballo fundamental mais con moitas limitacións no contexto actual.

Nestas XXI Xornadas de inverno de Galiza Nova queremos incidir na necesidade de tecer unha nova rede xuvenil que rache co individualismo e sexa quen de crear alternativas para a mocidade alén dos modelos de consumo cos que nos bombardean acotío.

Leave a Reply

Your email address will not be published.