No Día Internacional de loita contra a SIDA desde Galiza Nova amosamos unha vez máis a nosa condena máis firme contra a serofobia e as actitudes discriminatorias que continúan a padecer as persoas VIH +. Estes ataques teñen a súa orixe nunha educación sexual precaria e repleta de prexuízos e estigmatizacións, que perpetúa mitos sen máis base que a ignorancia. Este descoñecemento contribúe a unha prevención escasa da transmisión e a diagnósticos tardíos, dando pé a que a enfermidade se manifeste e poida incluso complicarse.
Denunciamos hoxe tamén a homofobia que existe en torno a esta e outras ITS (infeccións de transmisión sexual) ao perpetuar a idea de que son os homes gais os que espallan estas patoloxías. A Xunta de Galiza contribúe a este estigma mediante campañas en apps dirixidas só a este grupo, obviando que as prácticas sexuais non dependen da orientación sexual de cada quen.
Demandamos unha educación sexual digna e de calidade, sen carácter moralista e que forme á nosa mocidade dun xeito científico e respectando a diversidade afectivo-sexual. Na loita contra a SIDA é primordial a formación, evitando que se perpetúen estereotipos e prexuízos alimentados por este sistema que nos oprime.
Loitamos por unha sexualidade libre, diversa e gozosa!