1-O Aniversario da lección de dignidade do pobo catalán

Ás portas de que se emita a sentencia do procés, hoxe queremos celebrar o 2º aniversario do referendo catalá do 1 de outubro e lembrar a lección de dignidade do pobo catalá e a súa capacidade de auto-organización. O 1 de outubro abriu unha fenda no estado e amosounos que a mobilización popular é unha arma de loita clave para rachar co réxime do 78 e co estado español.

Isto vémolo claramente no nivel de represión exercido polo estado. Primeiro a través da represión policial contra a poboación civil que de xeito pacífico acudía a exercer un dereito democrático como é votar. A isto seguírono a aplicación do 155, coartando a soberanía do pobo catalán e a detención das principais cabezas visíbeis do movemento político catalán, nunha manobra máis do estado español para desvirtuar o movemento. A última destas artimañas vivímola hai poucas semanas coa detención do membros dos CDR acusados de “terrorismo”. Unha nova montaxe policial a poucas semanas dunhas elección xerais.

Os acontecementos dos últimos anos veñen a confirmar algo que desde o nacionalismo galego vimos denunciando durante anos: non hai reforma posíbel do estado español. Cada vez máis, faise palpábel a necesidade de rachar cun estado que emprega o sistema xudicial para reprimir os ideais e a vontade política dun pobo.

Por todo isto, desde Galiza Nova queremos amosar novamente o noso compromiso co internacionalismo e a nosa solidariedade co pobo catalán e reivindicamos tamén o dereito do pobo galego a existir como nación, na loita pola independencia e pola soberanía nacional, convencidas de que é o único xeito de rematar cos nosos problemas estruturais é rachando coa nosa dependencia do estado español, culminando na construcción dunha República Galega ao servizo das clases populares.