10 de Marzo – Día da Clase Obreira Galega

Hoxe, 10 de marzo, estamos diante dunha data sinalada no calendario da clase traballadora deste país. Tal día coma hoxe fai 52 anos eran asasinados pola policía franquista Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores dos estaleiros Bazán de Ferrol que se manifestaban contra a represión laboral que se estaba a dar no seu centro de traballo no transcurso dun conflito para conseguir un convenio laboral propio. En conmemoración desta tráxica xornada celébrase dende a década de 1970 o Día da Clase Obreira Galega como data para lembrar a tódalas traballadoras represaliadas na loita contra a Ditadura Franquista,mais, tamén, como data de reivindicación dos dereitos da clase traballadora na actualidade.
A conmemoración dos asasinatos de Amador e Daniel non é simplemente unha efeméride histórica senón un chamado a mantérmonos firmes na loita pola dignidade da clase traballadora galega nun contexto no que a propaganda neoliberal nos pretende facer esquecer a existencia da loita de clases e mesmo a propia existencia das clases sociais. 

Este Día da Clase Obreira Galega debe ser, polo tanto, unha data de loita para recoller o exemplo das traballadoras da Bazán que no 72 plantaron cara á Ditadura, mais tamén para reivindicármonos as loitas da clase traballadora na actualidade: como as traballadoras da limpeza da provincia de Lugo que mantiveron dende outubro do ano pasado unha histórica folga de 139 días na que acadaron unha mellora salarial de case un 20%. Son exemplo, tamén as traballadoras de Vitrasa en Vigo, que levan xa máis de 100 días de folga pola defensa dos seus salarios. 

Así mesmo, esta debe ser unha data para reclamar a derrogación das reformas laborais aprobadas polos distintos gobernos – de forzas estatais – nas últimas dúas décadas, que teñen precarizado fondamente a situación das traballadoras galegas. Así como para reivindicar un  marco galego de relacións laborais que atenda realmente a situación da clase traballadora do noso país.

Alén disto, o 10 de Marzo é unha data exemplificadora da estreita ligazón da loita de liberación nacional e a loita de clases no noso país, como elemento articulador do nacionalismo popular galego contemporáneo desde estas loitas dos anos 70 e con plena vixencia na actualidade. Foi nesa órbita onde se configura o noso movemento nacionalista, vencellado á clase obreira e aos sectores populares. Nese sentido, nunha nación oprimida como a nosa, a contradición nacional e a loita pola independencia son o catalizador da loita pola emancipación de clase. A causa da Galiza é a causa das traballadoras. A causa das traballadoras é a causa da Galiza.

Como mozas das clases populares, seguiremos apoiando a loita da clase traballadora galega polos seus dereitos, así como a consecución dun goberno galego ao servizo das traballadoras e non do gran capital, sempre traballando no horizonte da República galega como vía para a construción dunha Galiza ceibe e sen explotación. Así mesmo, seguiremos apoiando as mobilizacións do sindicalismo combativo, nacional e de clase que representa a CIG na Galiza, verdadeiro motor da loita pola mellora das condicións de vida das traballadoras no noso país.

Amador e Daniel, a loita continúa!

Viva o Día da Clase Obreira Galega!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *