10 de marzo – Non hai marcha atrás na defensa da Clase Obreira Galega!

O 10 de marzo é un día moi importante para a historia de Galiza e da loita obreira. Hoxe conmemoramos a memoria de dous traballadores galegos, Amador e Daniel, asasinados polo fascismo hai xa 51 anos na loita das e dos traballadores de Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo.

Estes tráxicos sucesos foron un punto de inflexión na loita obreira galega e desencadearon unha vaga de solidariedade entre os traballadores de moitos sectores de Galiza, manifestados en paros e folgas xerais, en resposta á represión brutal da policía franquista.

Hoxe, a situación laboral na Galiza segue sendo precaria e as condicións dos traballadores continúan a ser atacadas polos poderes do capital. Con todo, non podemos permitir que a historia se repita e que se retroceda nos dereitos laborais e democráticos.

A xuventude temos a responsabilidade de seguir adiante coa loita da clase obreira e defender os dereitos de todas as persoas traballadoras. Non podemos permitir que a precariedade e a temporalidade se normalicen, nin que se destrúa a negociación colectiva. Non podemos aceptar cambios que fan retroceder os nosos dereitos e non podemos aceptar un diálogo social que vende á clase traballadora.

Hoxe, como hai 51 anos, a nosa loita é pola dignidade nacional e de clase, polo futuro dos traballadores e traballadoras de Galiza. Non retrocedermos. Nin un paso atrás na defensa dos nosos dereitos.

Por iso, nesta xornada do 10 de marzo, lembramos a Amador, a Daniel e a todas as persoas que loitaron e sacrificaron as súas vidas polos dereitos laborais e a mellora da calidade de vida das clases populares.

A Mocidade Galega temos unha tarefa por diante: seguir loitando, non deixar que se desfagan as conquistas da clase obreira.

Por iso, dende Galiza Nova dicimos alto e claro: non hai marcha atrás na defensa da Clase Obreira Galega! A nosa loita segue!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *