Este xoves é o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, unha data en memoria de Amador e Daniel, dous traballadores galegos asasinados polo fascismo en 1972.
Neste Día da Clase Obreira Galega chamamos á mocidade galega a rebelarse contra o desemprego, a precariedade e a emigración, e saír ás rúas mobilizarse nas convocatorias da CIG deste 10 de marzo. As terríbeis consecuencias das reformas laborais do PPSOE afondan na precarización aínda maior dos contratos e unha indefensión total das traballadoras e traballadores. Queren que as mozas e mozos da Galiza non sexamos máis que man de obra barata para as empresas, con contratos que camuflan todo tipo de abusos. Ademais, isto ven acompañado de políticas represivas a través da Lei Mordaza, que pretende calar a contestación social da clase obreira galega.
Neste 10 de marzo reivindicamos tamén a necesidade de conquerirmos a soberanía da Galiza para termos as capacidades reais de crear emprego digno e na nosa Terra e practicarmos a insubmisión ás políticas reaccionarias e neoliberais impostas! No 44 aniversario do asasinato dos traballadores Amador e Daniel, temos que loitar con máis forza pola liberación nacional e a emancipación da clase traballadora galega.
Viva a clase obreira galega!
Lugar e hora das mobilizacións da CIG
FERROL: Manifestación dende a rúa Eduardo Pondal (local da CIG), ás 20.00 horas.
A CORUÑA: Concentración diante da Delegación do Goberno ás 12.00 horas.
COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
LUGO: Concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo (Praza de Armanyá) ás 12.00 horas.
OURENSE: Concentración diante da Subdelegación do Goberno, ás 11.30 horas.
VIVEIRO: Concentración diante dos Xulgados ás 12.00 horas
PONTEVEDRA: Concentración diante da Delegación do Goberno ás 12.00 horas.
VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.