Mozas e mozos de Galiza Nova realizamos o 12 de outubro un acto reivindicativo en Compostela para reclamar que “non hai nada que celebrar e si moito polo que loitar”, estendendo unha bandeira xigante da Patria Galega e un mosaico co lema INDEPENDENCIA.
Na mañá de hoxe deste 12 de outubro Galiza Nova reivindicou a soberanía nacional para a nosa Patria. “O estado español condena a Galiza á dependencia e á miseria e empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional”, denunciouse, pois atopámonos “ante un sistema totalmente corrompido no que a Constitución é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer”.
En palabras do secretario xeral da formación nacionalista, Alberte Mera, “as políticas do capital levadas a cabo polos gobernos español e galego están centradas unicamente no beneficio das grandes multinacionais e no empobrecemento xeralizado do pobo”. Así mesmo, Mera considera que “estas políticas están obrigando á mocidade galega a emigrar e labrarse un futuro lonxe da nosa terra, deixándoa baleira e abocada á miseria e ao avellentamento da poboación”. Por último indicou que “a autoorganización do pobo galego, sen dependencias nin tutelaxes, é o único camiño para a emancipación nacional”.
As mocidades do BNG entenden que non é tempo de celebracións, senón de denuncia. Por iso poñen hoxe en marcha a súa campaña en defensa dun emprego digno “ante as políticas neoliberais e nefastas do goberno español que hipotecaron o noso futuro e nos condenaron á emigración, a un 55% de desemprego xuvenil e aos traballos máis precarios”.