As compañeiras da Asemblea Comarcal de Galiza Nova en Pontevedra organizan este xoves 26, na Casa da Luz ás 19:00h, un encontro con Luísa Márquez, Coordinadora das Escolas Asociadas (UNESCO) no que se abordará, desde unha perspectiva galega, a cuestión da emerxencia climática no marco da Folga polo Clima convocada para este 27 de setembro. C
Consideramos de extrema importancia que se aborde unha axenda galega de defensa do medio ambiente, en contraposición ás visións abstractas, individualistas e globalizadoras dalgunhas organizacións “verdes” españolas e transnacionais.
Por outro lado, queremos incidir na necesidade de combater esta grave crise climática e ambiental cunha ollada colectiva. Todas nós temos o deber de actuar de xeito responsable nos nosos hábitos de consumo ou de desprazamento, mais non debemos cair no discurso imperante, que responsabiliza directamente á cidadanía. As accións con maior repercusión son as impulsadas desde os movementos sociais organizados para enfrontar as causas estruturais do problema, e que van destinadas a acoutar a actividade das grandes empresas contaminantes e a crear alternativas políticas baseadas no desenvolvemento social e tecnolóxico. É por iso que a verdadeira loita é contra os grandes focos de contaminación e de emisión de carbono, sempre sen descoidar as campañas de concienciación e o impulso á compostaxe e outros métodos de redución da pegada ecolóxica.