Unha parte fundamental do proceso en que unha nación toma conciencia de si mesma é a escolla dunha serie de símbolos identificativos propios dos cales un dos máis importantes é o día de festa nacional. Estes símbolos existen en todas as nacións do mundo con conciencia política de selo. Foron xurdindo desde o século XIX a medida que se formaban os movementos políticos de reivindicación da soberanía en cada nación, ben contra un estado estranxeiro, ben contra o absolutismo feudal. No caso galego, a nosa festa nacional correspóndese co 25 de xullo, Día da Patria, aínda que o nacionalismo do pasado teña celebrado como tal outras datas como o 17 de decembro, día da execución de Pardo de Cela, ou o 23 abril, data do fusilamento dos Mártires de Carral.
Con todo, estes símbolos son aínda máis determinantes nos casos en que se está a producir o proceso contrario. É dicir, nos casos nos que un estado xa existente busca dotarse dunha nación propia a base de asimilar e homoxeneizar os distintos pobos que o compoñen como forma de xustificar a súa existencia. Nestes casos, a poboación do estado en cuestión carece, polo menos ao comezo do proceso, das características distintivas dunha nación (a lingua común, historia, cultura etc.). Polo tanto, os símbolos creados artificialmente polo estado convértense na única forma de inculcar un sentimento de unidade na poboación que vive dentro das súas fronteiras. O éxito deste proceso de homoxeneización depende, en boa medida, da aceptación como propios por parte desta dos símbolos impostos polo poder político.
Como é sabido, a escolla do «día nacional» no caso español obedeceu a este segundo tipo de procesos de construción de identidades nacionais. A súa creación prodúcese por Real Decreto en 1892 durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena e a presidencia de Cánovas del Castillo. E a súa difusión debeuse, en boa medida, ao uso dos resortes do estado para popularizalo: a proclamación do día como festivo, a organización de desfiles militares, o pendurado de bandeiras nos balcóns das distintas casas consistoriais… Mesmo na actualidade, 133 anos máis tarde, o 12 de outubro segue a celebrarse, fundamentalmente, con actos gobernamentais e militares. Non existen grandes actos de masas impulsados desde a sociedade civil.
Como nacionalistas galegos, temos que ser conscientes de que este proceso de construción simbólica dunha nación española imposto desde o estado non é inocente, dado que ten unha función clara: perpetuar a existencia do Estado español e, con el, das relacións de dominación de clase e das opresións nacionais que este contén. E tamén de que, este proceso, non pode culminarse sen a violación do dereito colectivo do pobo galego á autodeterminación e dos dereitos individuais dos galegos e galegas a falar a súa propia lingua, posuír a súa cultura ou expresar libremente as súas reivindicacións.
Esta é a razón pola que o nacionalismo galego se opón —e se opuxo sempre— á celebración do chamado Día da Hispanidade, igual que rexeita a bandeira española, o himno, a tauromaquia, a canción de Eurovisión, a selección de fútbol ou calquera outro símbolo que o estado español pretenda impor á sociedade galega aberta ou sutilmente. Aínda que o caso da celebración do 12 de outubro nos resulte máis repulsivo, por ser esta a data do comezo do xenocidio contra os pobos indíxenas de América. Porén, se se tivese escollido como «festa nacional» o 14 abril ou o 2 de maio tampouco serían aceptábeis para o nacionalismo, pois seguiría a servir a un proceso de integración forzosa no estado español incompatíbel coa liberación do pobo galego que defendemos.
En definitiva, se pensamos que, como dicía Marx, «a liberdade consiste en convertir o Estado dun órgano que está por enriba da sociedade nun órgano subordinado a ela», non podemos máis que combater con toda a forza posíbel este proceso de asimilación forzosa da Galiza por parte do Estado español que pretende crear unha nación española a base de borrar todo aquilo da sociedade galega que non encaixa co marco español, co único propósito de salvagardar a unidade do Estado. E combater este proceso pasa, necesariamente, por rexeitarmos os símbolos artificiais con que o Estado pretende crear un falso sentimento de unidade nacional: a bandeira, o himno, o escudo e, naturalmente, a festa nacional. É isto o que queremos dicir os nacionalistas galegos cando afirmamos que o 12 de outubro non temos «nada que celebrar». Non pode existir un Día da Hispanidade cando a hispanidade non é máis que un invento.
