Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, organizaremos un acto político o vindeiro venres 12 de Outubro contra as celebracións do Día da Hispanidade e todo o que representa a exaltación do Reino de España.
A monarquía española leva dende séculos oprimindo a Galiza, estabelecéndose unha continuidade dende os Reis Católicos até o día de hoxe. É por iso que nesa data de exaltación da conquista e do imperialismo castelán e español non podemos máis que rexeitar o actual modelo do estado, un reino ao que nos vemos sometidas as nacións sen estado.
Aínda que se tente facer un lavado de cara coa monarquía actual, non esquecemos que provén dende lonxe dunha historia de espolio colonial e violencia e dende máis preto da ditadura franquista, que deixou como sucesor ao pai do actual rei. Isto móstrase cando se cumpre apenas un ano do discurso de Felipe VI no que deslexitimou a vontade do pobo catalán sobre o seu dereito a independizarse e cando se sitúa coma o máximo garante da “unidade de España”.
Dende Galiza Nova consideramos que este é un réxime totalmente inxusto, que mantén á súa cabeza unha institución totalmente anacrónica e que nos condena á dependencia do estado español. Isto supón un empeoramento das nosas condicións de vida, por iso nós apostamos por construír a República da Galiza, na que as mozas poidamos ser verdadeiramente libres.
Por todo iso, chamamos a acudir ao acto político que realizaremos na Praza 8 de Marzo de Compostela o venres 12 de outubro, para mostrar o noso rexeitamento e oposición a esta data.