O 12 de outubro a mocidade galega non temos nada que celebrar. Unha data que representa a exaltación da “hispanidade” e do imperialismo español que non fai máis que lembrar a opresión que vive Galiza como nación sen soberanía. Un día que representa a imposición dun Estado español colonialista, que negou e segue negando o dereito do noso pobo a existir como nación libre.
Como nacionalistas, non podemos aceptar un modelo de Estado que nos nega e perpetúa a subordinación do noso país. O actual modelo de estado, cunha monarquía á fronte instaurada por Franco e consolidada na Constitución de 1978 herdeira da ditadura, é a encarnación dun sistema centralista que afoga o noso dereito á autodeterminación. A súa existencia non é máis ca un símbolo de poder alleo que mantén o noso país sen a capacidade de decidir sobre o seu futuro.
A política colonialista española non se limita ao pasado: continúa hoxe a través de institucións que impoñen políticas económicas, culturais e lingüísticas que empobrecen o noso pobo e desmantelan a nosa sociedade. Mentres a mocidade galega seguimos sufrindo as consecuencias dun modelo que nos relega á emigración forzosa, á precariedade máis absoluta e á falta de oportunidades de vida digna no noso país, o Estado español mantén unha estrutura que so beneficia ás grandes elites centralistas.
A historia de Galiza é a dunha nación que loita por manter a súa identidade, a súa lingua e a súa cultura fronte ao centralismo español. Neste 12 de outubro a mocidade galega denunciamos o imperialismo que celebra o xenocidio dos pobos indíxenas e pretende subordinar o noso futuro a intereses alleos. Este día simboliza non só a colonización de América, senón tamén o colonialismo que Galiza sofre dende hai séculos.
Neste 12 de outuburo chamamos a toda a mocidade galega e erguerse e loitar por unha Galiza ceibe, soberana e con dereito a decidir sobre o seu futuro. Porque non temos nada que celebrar, temos moito polo que loitar.