158 ANOS DE CLARA ZETKIN: A LOITA CONTINÚA

CLARA2
O que fixo o traballo das mulleres atractivo para os capitalistas non só foi o prezo máis baixo, tamén a maior submisión delas.
Clara Zetkin (1857-1933)

Un día coma o de hoxe, hai 158 anos nacía Clara Zetkin, dirixente do movemento comunista alemán, impulsora do Día Internacional da Muller Traballadora e activista polos dereitos das mulleres traballadoras. Se falamos de Clara Zetkin, falamos dunha muller que dedicou parte da súa vida á dinamización do asociacionismo proletario femenino e á mellora nas súas condicións de vida, desde unha lexislación laboral diferente a dos homes, -entendendo que as condicións de vida son dferentes- até a loita polo sufraxio feminino.

O discurso e a acción de Clara Zetkin seguen tan vixentes ou máis ca nunca polas políticas chamadas “anticrise”, as cales non son máis que un eufemismo para agochar a realidade do ataque ás mulleres, políticas antisociais que atentan contra os dereitos recoñecidos da clase traballadora que moitas outras compañeiras xa acadaron antes para nós. Por iso foi unha incansábel loitadora por un outro sistema económico que superase a opresión capitalista que relegaba e relega ás mulleres a un plano secundario. O mesmo que ocorre nos nosos días e máis se falamos das mozas, con contratos lixo, desigualdade salarial, dificultades grandes á hora de atopar o primeiro emprego…

O traballo de mulleres como o dela e o de Alexandra Kollontai, as cales sempre viron como prioridade os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, deu lugar entre outras medidas, á creación da primeira lei do aborto en 1920 na Unión Soviética. Era un paso necesario para acadar o dereito pleno das mulleres, cando pretendían acadar a independencia económica e psicolóxica, sendo para elo, medidas tan importantes a lei do aborto ou a do divorcio. Políticas que claramente facían tambalear o modelo económico e familiar que procuraba o capitalismo.

158 anos despois, vemos como o capitalismo cunha faciana diferente, pretende modificar a lei do aborto, cuns ataques brutais ás fillas da clase traballadora e ás traballadoras, pretendendo mandarnos de volta á casa baixo a tutela do pai e o compañeiro. Un exemplo máis de que a loita de clases segue máis vixente ca nunca.

Nun contexto de desemprego, emigración e precariedade salarial e laboral é moi importante ter presente a figura de Clara Zetkin, non só desde un punto de vista conmemorativo, se non tamén como unha cuestión de loita e reivindicación feminista. As mozas de Galiza Nova, ao igual que Clara Zetkin sabemos que non seremos plenamente libres ata que vivamos nun sistema que deixe de oprimirnos económica, social e sexualmente.