#15O: Fascismo fóra de Vigo

fora2Este mércores 15 ás 20h, Galiza Nova e o BNG, conxuntamente con outras forzas políticas, sindicais e colectivos sociais da cidade de Vigo convocamos unha concentración ao pé do monumento fascista ‘Cruz dos Caídos’.

Dende Galiza Nova chamamos á mocidade rebelde e combativa da cidade a mobilizarse masivamente na rúa contra a decisión do Goberno municipal “socialista”, co apoio do Partido Popular, de recorrer a sentenza xudicial, do xulgado número 2 de Vigo que o pasado 4 de setembro fallou que a chamada “Cruz dos Caídos” situada no Monte do Castro debe ser retirada por constituír un símbolo de exaltación fascista.

Dende o nacionalismo vimos defendendo dende xa fai moitos anos a supresión de toda simboloxía fascista que fica na cidade de Vigo. Unha simboloxía que ofende ás moitas vítimas tanto do golpe militar fascista de 1936 como da cruel ditadura que durante catro décadas padeceu o noso pobo, e singularmente a clase traballadora galega. Dende Galiza Nova achamos inconcebíbel que en pleno seculo XXI fique en pé unha Cruz fascista de máis de 12 metros no centro da nosa cidade.

A mocidade galega nin esquece, nin perdoa!
Simboloxía fascista fóra da Galiza!