Desde Galiza Nova chamamos á mocidade a secundar a folga convocada pola organización estudantil galega, ERGUER. ESTUDANTES DA GALIZA o vindeiro 16 de febreiro. É fundamental saír ás rúas unha vez máis para tumbar dunha vez por todas dende Galiza o modelo educativo do PP, que precariza e españoliza o noso ensino por completo.
Nos últimos anos as estudantes galegas levaron a cabo as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino púlico galego. Foi necesario saír á rúa para loitar contra a implantación da LOMCE múltiples veces. No pasado trimestre, conseguimos tumbar as reválidas, aspecto principal da LOMCE que mantiña en vilo a toda a comunidade educativa. Mais non é suficiente con eliminar as reválidas, pois hai importantes cuestións da LOMCE que continúan a ser aplicadas, como poden ser a subvención dos centros eu segregan por sexo, a redución das horas de galego ou a conversión das humanidades en materias optativas.
Ademais o PP tamén aprobou o decreto 3+2 para o ensino universitario, que recorta un ano dos graos universitarios e auméntao nos másteres. Este Decreto supón que a duración dos graos sexa de 3 anos e os posgraos de 2, o que supón un encarecemento da nosa formación, chegando a costar un só ano de posgrao o dobre que un ano de grao
Tanto a LOMCE co o Decreto 3+2 atentan contra o noso dereito a un ensino público, galego, de calidade, laico e non patriarcal e isto non pode mudar se non saímos ás rúas. Só con mobilización seremos quen de derrubar estas medidas que precarizan o noso ensino por iso animamos á mocidade a acudir ás mobilizacións do día 16 de febreiro.
One Comment