17 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A LGTBIFOBIA

Hoxe conmemórase internacionalmente o día contra LGTBIfobia e desde Galiza Nova sumámonos a esta xornada de reivindicación e loita demandando o fin das discriminacións por mor da nosa orientación sexual e identidade de xénero. Non foi ata 1990 que a Organización Mundial da Saúde retirou a homosexualidade da clasificación das enfermidades psiquiátricas. Organización que pese ás continuas demandas do colectivo trans, aínda a día de hoxe considera a transexualidade como un trastorno, patoloxizando a súa identidade.

As persoas LGTBI enfrontámonos a agresións constantes diariamente, dende brincadeiras “inocentes” ata ataques directos desde organizacións e institucións. A existencia de grupúsculos coma Hazte Oír, que pretenden impoñer a súa moralidade a costa de esmagar os nosos dereitos, supoñen para nós un ataque constante e directo. Cómpre condenar tamén a actuación de certos grupos políticos coma o Partido Popular ou Ciudadanos neste eido, que en días coma hoxe se envolven coa nosa bandeira cando o resto do ano promoven políticas que limitan a nosa liberdade; non precisamos máis pinkwashing desde as institucións.

A loita polas nosas liberdades sexuais vai da man da loita feminista, da loita nacional e da loita de clase. Como colectivo non nos representa que eventos como o festival de Eurovisión, aparentemente recoñecido como unha celebración da diversidade, realice un lavado de cara a actuacións coma as que está a desenvolver o estado de Israel, responsable dun dos maiores xenocidios da historia da humanidade. Non nos valen as reivindicacións feministas e LGTBI de quen ten as mans manchadas co sangue do pobo palestino.

Precisamos unha educación sexual digna nos colexios, que eduque ás nosas crianzas libres de prexuízos moralistas; e tamén unha actuación clara contra o bullying que sofren nas escolas as adolescentes LGTBI, que nos casos máis dramáticos remata incluso co suicidio. Temos dereito a ser atendidas en igualdade de condicións na sanidade pública, garantindo o acceso aos tratamentos que sexan precisos, sen que se infravaloren as nosas problemáticas e cun trato profesional e libre de prexuízos.

Precisamos unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que poña fin a calquera discriminación por mor da nosa identidade de xénero ou orientación sexual cun réxime sancionador para os delitos de odio, e non só leis baleiras de contido que só son un xeito de ofrecer unha imaxe comprometida coa loita mais sen que ese compromiso sexa real. Reiteramos novamente o noso apoio á aprobación dunha Lei Galega de Identidade de Xénero que recoñeza os dereitos da comunidade trans.

Desde Galiza Nova reafirmamos a nosa loita para acadar unha Galiza ceive, na que poidamos vivir libres de toda explotación.

LGTBIFOBIA FÓRA DA GALIZA!
O NOSO ORGULLO É A NOSA LOITA!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *