17 maio, mobilízate pola lingua!

A plataforma Queremos Galego, da que Galiza Nova forma parte, presentou publicamente a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas “mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida”, recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano.

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica, Marcos Maceira, lembrou a participación habitual de Manuel María en todas as accións e actividades de defensa e promoción da lingua do país e o seu compromiso con moitas causas xustas, nomeadamente a da lingua galega.  Por isto “a voz e a palabra de Manuel María estará presente no acto final da manifestación que se celebrará na Praza da Quintana onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel.

rolda queremos“O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo  por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG. Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa continuada da normalidade para o galego”, sinalou Maceira, en referencia ao centenario da creación das Irmandades da Fala.

A Plataforma Queremos Galego salientou ademais que “todos os avances para a lingua galega foron conquistas da sociedade. As irmandades da fala foron a primeira mostra da necesidade de organizarse e mobilizarse para conseguir avances. Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas que permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”

Fronte os ataques ao galego, mobilízate o 17 de maio para defender a lingua!