185º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

Este 23 de febreiro conmemoramos o 185º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Unha figura coñecida e recoñecida á que as mozas galegas nos achegamos desde cedo na escola e no instituto e que cando medramos redescubrimos noutras manifestacións artísticas. Que Rosalía de Castro escribise en galego de temas sociais e protofeministas, por exemplo, determina en parte quen somos agora como pobo, e que moitas persoas atopasen nela inspiración e un referente habilitou un marco máis favorábel para o desenvolvemento artístico na nosa lingua.
 
Nun contexto onde a práctica totalidade dos contidos aos que temos acceso as mozas están en castelán (ou inglés, ou coreano, ou…), a aparición de proxectos e iniciativas que teñen o galego como lingua de uso prioritario é un xute de autoestima colectiva e probábel inspiración para máis persoas. Rosalía de Castro, aínda nacendo no século XIX, segue presente en numerosas reinterpretacións que anovan motivos en que nos podemos seguir recoñecendo 185 anos despois.
Desde o grupo de Lingua e Cultura queremos aproveitar esta efeméride para pór o foco na importancia do recoñecemento e a difusión de proxectos en galego, especialmente os da mocidade. Na Galiza hai un bulir de música, audiovisual, divulgación e creación en xeral que abre un camiño máis fértil para as mozas do futuro poderen recoñecerse tamén nos motivos galegos e na nosa lingua.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *